Facebook comeza a despregar suxestións de contido a partir do carrete

xoves, 16 de abril do 2026 Redacción

Meta anunciou o lanzamento progresivo na Unión Europea e no Reino Unido dunha nova funcionalidade de Facebook que permite xerar suxestións de contido a partir das imaxes e vídeos almacenados no carrete do noso smartphone. Trátase dun sistema opcional (require activación expresa por parte do usuario) orientado a facilitar a publicación de recordos e momentos persoais mediante edicións automatizadas.
A ferramenta analiza, co consentimento previo, o material multimedia gardado no dispositivo para identificar escenas destacadas e propoñer composicións creativas, como colaxes, vídeos ou edicións melloradas. O obxectivo é reducir as barreiras á publicación de contido, especialmente entre aqueles usuarios que, malia capturar fotografías ou vídeos con frecuencia, non chegan a compartilos por falta de tempo ou por considerar que non teñen suficiente valor.
As recomendacións xeradas aparecen en espazos como as historias, o feed principal ou a sección Recordos, sempre nun ámbito privado e antes de que o usuario decida se quere compartilas. A funcionalidade pode xestionarse ou desactivarse en calquera momento desde a configuración correspondente do carrete en Facebook.
Meta subliña que o deseño desta novidade incorpora medidas de control e privacidade. As suxestións son visibles unicamente para o usuario e non se empregan as imaxes nin os vídeos do carrete para a segmentación publicitaria. Ademais, ese contido tampouco se utiliza para adestrar sistemas de intelixencia artificial da empresa, salvo que o usuario decida publicalo ou interactuar con ferramentas como Meta AI.