Facebook deixa de bloquear as novas en Australia

mércores, 24 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

A semana pasada todos os focos puxéronse sobre Facebook por impedir compartir novas en Australia como resposta a unha lei que estaba a tramitarse, e que obrigaría á empresa de Mark Zuckerberg a pagar por publicar ligazóns á prensa.
Dende Facebook saen agora á palestra para explicar o acontecido, asegurando que Facebook non está a aproveitarse do xornalismo, senón que lembra que as novas son un tipo de contido minoritario en Facebook (corresponde a menos do 4% das publicacións), así como tamén salienta que o creador da web, Tim Berners-Lee, maniféstase en contra da política de cobrar por publicar ligazóns, xa que pensa que ese tipo de medidas rachan a Internet.
Pero o máis importante de todo o que matiza Facebook é que a lexislación australiana non favorecía á prensa ou aos medios de comunicación en xeral, senón que limitábase a beneficiar a un grupo reducido de grandes medios, que serían os que definirían as cantidades que terían que pagar compañías como Google ou Facebook por poder ligar os seus contidos. Para deixar claro o ilóxico da medida que pretendía aprobarse fan unha analoxía moi ilustrativa: sería como obrigar aos fabricantes de automóbiles a financiar emisoras de radio porque os usuarios dos seus produtos escoitan a radio cando van ao volante, deixando que incluso as propias emisoras fixasen as cantidades que terían que cobrar.
Finalmente Facebook eliminou o bloqueo xa que aseguran que os elementos máis polémicos da lexislación en elaboración van retirarse, de xeito que permitirán que a relación entre Facebook e os emdios de comunicación corresponda a unha negociación cordial.

PUBLICIDADE