Facebook facilitará o seguimento deportivo en tempo real

xoves, 21 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Un dos grandes problemas que ten Facebook para gañar a guerra polas audiencias televisivas a Twitter é que os seus contidos non están orientados ao tempo real, o que parecen querer atallar de distintos xeitos, como co Facebook Sports Stadium, un novo espazo co que buscan que poida facerse un seguimento en tempo real de deportes acompañados por amigos, afeccionados, deportistas, ligas e medios deportivos, aproveitando o feito de que Facebook aglutina a uns 650 millóns de persoas interesadas en páxinas deportivas, polo que sería a meirande comunidade de afeccionados ao deporte a nivel mundial.
Durante o Mundial de Fútbol de 2014 estiman que uns 350 millóns de persoas usaron Facebook para compartir comentarios sobre o tema, mentres que a Super Bowl do ano pasado conseguiu sumar a 65 millóns de persoas discutindo en tempo real en Facebook, deixando claro que existe unha demanda moi explotable, de aí que decidiran construír un espazo no que conversar, compartir vídeos e ler comentarios de expertos e xornalistas, ou sexa, un espazo deportivo deseñado dende o punto de vista da Rede.
Con Facebook Sports Stadium todo o contido e as interaccións de Facebook relativas a un encontro deportivo estarán centralizada nun único lugar, no que a información publicarase en tempo real e aparecerá cronoloxicamente. Acubillará entradas relativas ao partido de amigos e familiares, conversas xogada a xogada, análises de xornalistas e expertos, publicacións oficiais (da liga, os equipos participantes e partners), cobertura mediática e estatísticas completas do xogo.

O Facebook Sports Stadium busca converterse na segunda pantalla durante as retransmisións deportivas

PUBLICIDADE