Facebook introduce a IA na súa plataforma de citas

luns, 22 de setembro do 2025 Redacción

Facebook busca darlle un novo aire á súa plataforma de citas coa incorporación de dúas funcións que pretenden combater o suposto cansazo que provoca o uso intensivo do sistema de deslizar perfís, como son un asistente de citas e Meet Cute, opcións que procuran facilitar o contacto entre usuarios e axilizar o camiño cara ao encontro presencial.
Segundo datos da propia rede, centos de milleiros de mozos de entre 18 e 29 anos en Estados Unidos e Canadá crean cada mes o seu perfil en Facebook Dating, cun incremento anual do 10 % nas coincidencias dentro deste grupo de idade. A idea é que os usuarios poidan atopar persoas interesantes sen depender de longas sesións de swipes nin de pagos adicionais para desbloquear funcións.
O novo asistente de citas intégrase como unha ferramenta de conversa dentro da aplicación e ofrece recomendacións personalizadas en función dos intereses ou preferencias indicadas. Vai máis alá dos criterios tradicionais (como a altura ou a formación académica) e permite introducir peticións máis concretas, do estilo de «búscame unha rapaza de Brooklyn que traballe en tecnoloxía». Ademais, pode suxerir ideas para encontros ou consellos para mellorar o perfil. O acceso faise dende a lapela de coincidencias e a súa despregadura arrinca de forma gradual en Estados Unidos e Canadá.
Pola súa banda, Meet Cute propón unha experiencia máis directa: unha coincidencia sorpresa baseada no algoritmo de compatibilidade da plataforma. O usuario pode optar por iniciar unha conversa ou rexeitar a proposta, sen necesidade de pasar por longos procesos de selección. Inicialmente, estas coincidencias aparecerán unha vez por semana, aínda que Facebook estuda ampliar a frecuencia segundo a demanda, e será posible desactivar a opción en calquera momento.