Facebook permite pedir comida a domicilio nos EE.UU.

venres, 13 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Continua a incorporación de novos servizos nas aplicacións móbiles de Facebook, e desta volta sorpréndennos abrindo a posibilidade de realizar pedidas de comida a domicilio nos EE.UU., de xeito que os usuarios da aplicación teñen agora un novo xeito de pedir a servizos como EatStreet, Delivery.com, DoorDash, ChowNow e Olo sen saír de Facebook nin instalar as súas respectivas aplicacións, así como para pedir tamén a restaurantes como Jack in the Box, Five Guys, Papa John’s e Panera.
Facebook busca facer doada a localización de restaurantes aos que realizar un pedido, no que poderiamos considerar un xeito de competir a plataformas de éxito como Just Eat, ao igual que co seu Marketplace procura ocupar o nicho que en España domina Wallapop. De feito, a nova función de Facebook funciona dun xeito moi semellante a Just Eat, de xeito que podemos explorar restaurantes, comprobar o seu menú e realizar o pedido, aínda que desta volta parece que Facebook actuará unicamente como intermediario, pois cando, por exemplo, se fai un pedido a través deDelivery.com, é preciso contar previamente cunha conta no servizo (podendo realizarse ao momento identificándose coa propia conta de Facebook).
Este servizo de pedidos de comida limítase a EE.UU. e xa está dispoñible nas aplicacións para iOS e Android e tamén para a versión de escritorio de Facebook.

PUBLICIDADE