Facebook permitía que traballadores externos escoitasen as mensaxes de voz de Messenger
mércores, 14 de agosto do 2019
Nas últimas semanas non cesan as informacións que apuntan a
que os asistentes de voz achegan gravacións de voz dos seus usuarios a persoas
para que verifiquen o recoñecemento de voz e así contribúan á súa mellora, o
que loxicamente non se limita aos asistentes, e é a práctica habitual con
calquera sistema de recoñecemento de voz, como vén de constatarse ao publicarse
que Facebook
tamén permitía a persoas escoitar mensaxes de voz remitidas a través de
Messenger para facilitar a súa conversión a texto.
Dende hai tempo, o Messenger conta cunha funcionalidade na que se recoñecen as
palabras que se mencionan nunha mensaxe de voz para
poder amosar un pequeno resumo e así poder identificar claramente as
mensaxes gravadas, e unha mostra destas mensaxes subministrábanse a empresas
contratadas por Facebook para revisar a calidade das transcricións, aínda que
non o anunciaron claramente, polo que agora que saíu á luz puxeron en suspenso
este servizo de revisión.
Realmente resulta alarmante a falta de transparencia das compañías ante
prácticas xeneralizadas, e agora que están a situarse baixo os focos dá a
impresión de que a solución que utilizarán é simplemente incorporar unha
sección na configuración das aplicacións na que se dea permiso a empregar os
datos intercambiados para mellorar a calidade do sistema.