Facebook permitirá facer peticións en liña

luns, 21 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Na Internet teñen unha longa historia plataformas como Petition Online e Change.org, que permiten xuntar a cidadáns en campañas reivindicativas, normalmente para facerse ouvir polos políticos ou por grandes empresas, pero o peche de Petition Online fixo que Change.org tomase unha posición de dominio que podería verse ameazada, xa que Facebook vai entrar a competir coas Community Actions, funcionalidade que polo momento limitarase aos EE.UU. e que facilitará a creación de causas ás que os usuarios poidan amosar a súa adhesión para facer chegar as súas inquedanzas a políticos e gobernos.
Esta nova ferramenta de Facebook leva semanas en probas, e por fin entra en funcionamento cunha mecánica moi semellante a outras plataformas semellantes, de xeito que para facer unha petición chega con pórlle un título, unha descrición e unha imaxe, etiquetar ás entidades e persoas ás que vai dirixida e logo convidar aos usuarios a que apoien a iniciativa premendo no botón correspondente.
As Community Actions permiten deixar comentarios, realizar recollidas de fondos e organizar eventos de Facebook, e publicamente só amosará o número de persoas que amosan o seu apoio, ou sexa, que só veremos os nomes dos partidarios das iniciativas se somos amigos deles (agás que sexan páxinas ou figuras públicas).
Aínda que non se espera que esta funcionalidade de Facebook poida chegar a eclipsar a Change.org, si podería supor a captación de moitas das peticións, pola facilidade que supón poder apoiar unha demanda con só premer un botón, o que podería disparar o volume de adhesións ás iniciativas cidadás.

PUBLICIDADE