Facebook potencia o vídeo no móbil e quere levalo aos televisores

mércores, 15 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

O uso do vídeo en Facebook non para de medrar, e dende a compañía de Mark Zuckerberg queren que continúe así, polo que están a mudar o xeito no que tratan os contidos en vídeo para facelos máis atractivos e flexibles. O máis rechamante dos cambios incorporados é que a partires de agora, cando aparece un vídeo na cronoloxía dende o móbil, xa non se reproducirá de xeito automático sen son, senón que a partires da última actualización os vídeos contarán con son dende o primeiro momento (podendo desactivarse este comportamento na configuración da aplicación no caso de que resulte molesto).
Tamén mudaron o xeito de tratar os vídeos en vertical, de xeito que agora poden verse mellor en dispositivos móbiles, atendendo así ás tendencias de uso dos usuarios. Outra funcionalidade moi interesante é que, se mentres revisamos as novas vemos un vídeo interesante e queremos reproducilo mentres seguimos a movernos entre as novas, poderemos arrastrar o vídeo a unha esquina para que corra como unha fiestra flotante.

Aplicación para televisores

Outra novidade importante é que Facebook está a estrear aplicación de vídeo para televisores, que en breve chegará a Apple TV, Amazon Fire TV e televisores conectados de Samsung, aos que se incorporarán máis plataformas no futuro. Esta aplicación busca que poidamos ver os vídeos de Facebook no televisor, para poder compartilos con amigos e familiares. Trátase dunha aplicación experimental que irá evolucionando en función do uso que se faga da mesma.

PUBLICIDADE