Facebook optimizará os perfís de usuario nos móbiles

xoves, 1 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Dende Facebook aseguran que os perfís dos seus usuarios consúltanse máis de 4.000 millóns de veces ao día, converténdose nunha carta de presentación da identidade en liña para facilitar a comunicación cos demais, de aí que sexa de grande importancia coidar a súa aparencia, o que habitualmente estaba optimizado para a web, pero do grande uso dos smartphones para acceder ás redes sociais, decidiron estrear novas prestacións orientadas a un áxil uso dende o móbil.
Unha das novidades máis visible será a posibilidade de permitir que a imaxe de perfil dos usuarios non se limite a ser unha fotografía, senón que poderá ser un vídeo en bucle, que verá calquera que visite o noso perfil, facilitando así unha maior expresividade. Pero non se limitan a iso, senón que tamén activa a posibilidade de fixar unha imaxe de perfil de xeito temporal, de xeito que podemos configurar unha imaxe para que apareza, por exemplo, durante o día do noso aniversario, durante as nosas vacacións ou durante o tempo de celebración dunha campaña reivindicativa, facilitando así o uso solidario das imaxes de perfil á vez que fuxiría das confusións que poden causar as fotografías estancadas en campañas pasadas (por exemplo, máis de 26 millóns de persoas mudaron a súa fotografía de perfil empregando un filtro especial para celebrar o Día do Orgullo Gai, e o volume de usuarios que non restauraron a súa fotografía de perfil é inmenso, o que pode levar a equívocos).
Os perfís tamén melloran o seu control, facendo doado elixir os contidos que queremos que aparezan na parte superior do noso perfil cando alguén o visite, mudando así a visibilidade dos campos que queiramos destacar. Incluso podemos elixir as fotografías que queiramos destacar.
Aparte destes dous cambios tan visibles, Facebook tamén está a probar melloras no deseño, mudando elementos de sitio, como colocando a imaxe/vídeo de perfil centrada e máis grande ou incluso amosando fotografías e amigos comúns cando vexamos perfís de amigos ou de alguén que acabamos de coñecer.
Estes novos cambios aínda están en probas, limitándose a uns poucos usuarios de iPhone en Reino Unido e California, pero iranse espallando ao resto de usuarios en breve.

Vídeo no que podemos ver as novidades para os perfís no móbil que está a preparar Facebook

PUBLICIDADE