Facebook presenta un casco de realidade virtual autónomo
mércores, 11 de outubro do 2017
Hoxe botou a andar a cuarta edición de Oculus Connect, a
conferencia organizada por Facebook para dar a coñecer as últimas novidades ao
redor da súa tecnoloxía de realidade virtual na que sorprendeuse coa
presentación dun produto que veremos a primeiros de 2018 a un prezo de 199
dólares: un
casco de realidade virtual autónomo chamado Oculus Go. Deste xeito xa non
será preciso introducir un smartphone de alta gama nun casco Gear VR para poder
gozar da realidade virtual, o que supón unha maior comodidade e liberdade á
hora de empregar esta tecnoloxía.
Este anuncio é realmente importante xa que parecía que este tipo de solucións
ían tardar en materializarse, xa que hai poucas semanas Intel anunciou a
cancelación do seu proxecto Alloy (que pretendía crear unhas especificacións
semellantes ás do casco que vén de presentar Oculus).
O novo casco será lixeiro e cómodo, integrará pantallas LCD de alta resolución
e velocidade para conseguir unhas imaxes nítidas, á vez que tamén integrará
unha nova xeración de lentes para ofrecer un maior campo de visión.
Oculus Go
tamén integrará audio especial (ou sexa, que inclúe uns pequenos altofalantes a
ambos lados, que poden desactivarse empregando a toma de auriculares tamén
integrada).
Pese a estarmos ante un novo produto, Oculus Go a nivel de software funcionará
igual que Gear VR, de xeito que que os contidos dispoñibles para o casco de
Samsung poderán portarse rapidamente ao dispositivo autónomo, o que suporá que
partirá cun amplo catálogo de software.
Vídeo de presentación de Oculus Go
Proxecto Santa Cruz
Pero aínda que as Oculus Go sexan un interesante paso
adiante na realidade virtual sen fíos, teñen un nivel de interacción moi
limitado de aí que dende Oculus tamén estean a traballar nunha segunda fase do
proxecto Santa Cruz, na que buscan que a realidade virtual autónoma estea
aberta ao uso natural que facilitan as nosas propias mans, e aproveitaron a
celebración de Oculus Connect para amosar un prototipo desta tecnoloxía que
realmente resulta prometedor, xa que poder gozar dunha realidade virtual con
seguimento de posición e sen cables consegue un nivel de inmersión moi superior
ao que temos dispoñible até o momento, abrindo moitas posibilidades.
O prototipo presentado conta co casco de realidade virtual (sen fíos) e con
mandos Touch para cada man, conseguindo unha experiencia parella á do uso de
Oculus Rift + Touch (se deixamos de lado a potencia gráfica dos ordenadores de
alta gama), pero conseguindo que os mandos operen cos sensores integrados no
casco, o que supón unha grande simplificación para o usuario e incrementa a súa
liberdade de movemento.
Polo momento non sabemos cando este proxecto chegará a un produto comercial,
pero non sería de sorprender que na edición de 2018 de Oculus Connect presenten
unha segunda versión de Oculus Go con mandos para cada man que acheguen un
nivel de interacción e inmersión que estaba reservado para solucións de
escritorio con equipos caros e unha chea de cables.
O prototipo do proxecto Santa Cruz visto en vídeo