Facebook proba o xogo en streaming

luns, 26 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Facebook anunciou hoxe que a través da súa aplicación móbil e da súa páxina web está a lanzar xogos que poderán xogarse en streaming, ou sexa, de xeito instantáneo sen precisar de descargas, aínda que esta prestación non está dispoñible aínda de xeito global, senón que está a probarse por territorios. Con este anuncio queren deixar claro que non están a preparar unha plataforma de xogos en streaming como as de Google ou Microsoft, xa que manterán o sistema de funcionamento do resto de xogos integrados en Facebook, de xeito que non será preciso contar cun mando para poder gozar dos xogos.
As probas deste sistema de xogo na nube para Android e a web (ao parecer teñen problemas con Apple para poder lanzar unha versión para iOS) comeza con xogos como Asphalt 9: Legends, Mobile Legends: Adventure, PGA TOUR Golf Shootout, Solitaire: Arthur’s Tale e WWE SuperCard, aos que sumarase en breve Dirt Bike Unchained. Unha boa selección que xunta títulos o suficientemente diversos como para permitir comprobar axeitadamente esta nova fórmula de xogo de Facebook que incluso permite gozar de cross-play, ou sexa, que a versión descargable dos xogos será indistinguible da versión en streaming (de empregarmos a identificación con Facebook).

PUBLICIDADE