Facebook quere colocarse no centro do móbil con Home
xoves, 4 de abril do 2013

- Mark Zuckerberg pretende que Facebook Home revolucione o xeito de usar o smartphone
Mark Zuckerberg
presentou hoxe Home, unha nova capa para móbiles Android que converte os
smartphones co sistema operativo de Google nun dispositivo máis social, “orientado ás persoas, non ás aplicacións”,
o que non deixa de ser un xeito de querer reter aos usuarios móbiles en
Facebook como tamén queren facer na web, o que procuran convertendo a esta
plataforma social na pantalla de desbloqueo e no menú principal dos móbiles con
Android, incorporando tamén un lanzador de aplicacións para que poidamos
acceder tamén ao resto de ferramentas do móbil, pero centrando o seu uso na
comunicación cos nosos contactos e o intercambio de experiencias coas mesmos.

- Facebook Home integra un lanzador de aplicacións, de xeito que pode converterse na interface de usuario principal dos smartphones con Android
Deste xeito, Facebook Home non é un sistema operativo nin un móbil, senón unha
capa de software sobre Android, que poderiamos comparar ao que fabricantes como
Samsung ou HTC fan ao incorporar TouchWiz e HTC Sense aos seus móbiles,
centralizando a comunicación nunha única ferramenta, minimizando o salto entre
aplicacións.
Facebook Home está baseado en 3 grandes piares: Cover feed ou fluxo de portada (na
pantalla de desbloqueo e na páxina de inicio do móbil parecen os contidos que
comparten os nosos amigos de xeito automático, permitindo a navegación entre os
mesmos mediante xestos), Chat heads ou cabezas de diálogo (cando esteamos
usando outras aplicacións no móbil, aparecerán uns círculos indicando as
conversas que se estean actualizando cos nosos amigos, tanto de xeito individual
como en grupo, facilitando o acceso a estas comunicacións, que poden ser tanto
mensaxes de Facebook como SMS) e notificacións (as informacións que estean
dirixidas a nós aparecerán destacadas mediante notificacións que incluirán a
imaxe de perfil das persoas que estean a contactarnos). Facebook Home actualizarase mensualmente con novas prestacións, e nos vindeiros meses procurarán adaptalo tamén a tablets.
Esta nova solución estrearase o vindeiro 12 de abril en Google Play, onde
estará dispoñible para a súa descarga de balde, funcionando inicialmente nos
terminais HTC One X, HTC One X+, Samsung GALAXY S III e Samsung GALAXY Note II,
chegando máis adiante ao HTC One e ao Samsung GALAXY S 4 e outros dispositivos.
Pero Facebook tamén está a negociar con distintos fabricantes a integración de
Home non seus terminais, e froito destas conversas o mesmo día 12 tamén
estrearase nos EE.UU. o móbil HTC First, que será o primeiro smartphone en
integrar de serie Facebook Home.

- Zuckerberg deu a coñecer os primeiros móbiles que serán compatibles con Facebook Home

- Facebook Home poderá descargarse de Google Play
Vídeo promocional de Facebook Home
