Facebook renova a súa marca como empresa

luns, 4 de novembro do 2019 Marcus Fernández

No verán deuse a coñecer un cambio na estratexia de imaxe de Facebook para deixar claro en WhatsApp e Instagram que estas dúas plataformas son da compañía de Mark Zuckerberg, de xeito que en diferentes lugares podemos ver lendas como «Instagram de Facebook» ou «WhatsApp de Facebook», e avanzando nesta dirección decidiron mudar de imaxe á compañía, presentando un logotipo co nome da marca en maiúsculas, buscando así diferenciarse da propia aplicación de Facebook e destacando así máis nas outras 2 grandes plataformas sociais da compañía.
Temos así que a plataforma social de Facebook mantén imaxe, pero a empresa en xeral ten unha marca diferente, que ampara á propia Facebook, ao Messenger, a Instagram, a WhatsApp, á compañía de realidade virtual Oculus, á plataforma Workplace, ao hardware Portal e incluso ao futuro moedeiro dixital Calibra.
Nas vindeiras semanas as aplicacións da empresa Facebook pasarán a presentar o novo logotipo para que resulte máis claro que están integrados nunha mesma compañía, estratexia que parece buscar que os distintos servizos teñan puntos de intersección fortes para impedir a súa segregación futura por parte dos organismos reguladores da competencia.

Mostra de como mudará o xeito de presentar as lendas de «de Facebook» nas aplicacións da compañía

PUBLICIDADE