Facebook retransmitirá a Champions para América Latina

venres, 17 de agosto do 2018 Marcus Fernández

En España levamos uns anos vendo como as compañías de telecomunicacións compiten por facerse cos dereitos das retransmisións deportivas para captar usuarios, pero polo momento estamos alleos a unha tendencia cada vez máis presente noutros territorios: a dos xigantes da Internet realizando as retransmisións directamente.
Nos últimos anos Twitter realizou numerosas retransmisións deportivas nos EE.UU., Facebook tamén permite seguir algúns combates de boxeo e Amazon podería emitir partidos de fútbol a partires da tempada 2019/20, pero que Facebook conseguise os dereitos para retransmitir a Liga de Campións UEFA e a Supercopa da UEFA en español para os países de América Latina entre 2018 e 2021, destacando o feito de que estes dereitos sexan en exclusiva para a emisión en aberto.
En total, Facebook asegurou os dereitos de retransmisión en exclusiva de 32 partidos en directo durante cada tempada, incluíndo a final e a Supercopa da UEFA, que poderán verse a través da páxina de Facebook da UEFA. Tamén se publicarán en Facebook programas co máis destacado as semanas que haxa partido.
O máis interesante deste tipo de iniciativa é o impacto que terá no mercado publicitario, xa que tradicionalmente as retransmisións deportivas atraen a grandes patrocinadores, e o salto do televisor á Internet pode levar a que moitas compañías inclinen a balanza do seu investimento publicitario a favor dos medios en liña.

PUBLICIDADE