Facebook rexistra preto dun millón de euros en perdas en España

martes, 25 de setembro do 2018 Marcus Fernández

O diario El País chama hoxe a atención sobre o feito de que en 2017 Facebook Spain, filial española da compañía de Mark Zuckerberg, rexistrou unhas perdas netas de 957.829 euros, ou sexa un 96% máis que as declaradas en 2016. Cómpre salientar que Facebook Spain actúa só como intermediaria de Facebook Ireland Limited, sucursal irlandesa que dá soporte aos servizos de venda e marketing.
Estes datos figuran nas contas anuais depositadas no Rexistro Mercantil, e responden ao incremento dos gastos de publicidade e propaganda da compañía, que eleváronse até os 1,67 millóns de euros, á vez que tamén incrementaron os gastos de persoal por «comisións, bonus e outros beneficios a empregados».
A delegación española de Facebook estaría a rexistrar grandes beneficios, pero factura os seus ingresos na sucursal irlandesa, para aproveitar unha fiscalidade máis vantaxosa, de aí que sobre o papel Facebook perda cartos en España, criterio que podería non coincidir co da Axencia Tributaria, que podería emprender accións contra Facebook por mor da súa estratexia fiscal.
Pero este xeito de operar podería rematar en breve, xa que Facebook prevé facturar os seus ingresos publicitarios nos países onde se xeren nos países onde conte con sede rexional, ou sexa, que espérase que para o ano que vén Facebook pague en España os impostos que lle corresponde ao rexistrar realmente os beneficios que consegue no noso territorio.

PUBLICIDADE