Facebook tamén abandona BlackBerry

venres, 18 de marzo do 2016 Marcus Fernández

WhatsApp non é a única aplicación que dá as costas a BlackBerry, e esta semana publicouse unha curiosa actualización da aplicación de Facebook para BlackBerry 10, chegando á versión 10.8.31.4, que como principal novidade supón a transformación de Facebook de aplicación nativa ao que parece unha simple ligazón á versión web do servizo, o que supón a morte de facto da aplicación de Facebook para BlackBerry, xa que o vindeiro 31 de marzo as anteriores versións da aplicación deixarán de funcionar.
Dende BlackBerry non parecen estar moi conformes co feito de que terminais que chegaron ao mercado en 2015 comecen a ver como aplicacións tan importantes como Facebook deixen de estar dispoñibles de xeito nativo, e reaccionan cunha campaña baixo o cancelo #ILoveBB10Apps, co que perseguen que os usuarios dos seus smartphones reivindiquen a reconsideración da postura de WhatsApp e de Facebook, aínda que tendo en conta que ambas plataformas pertencen á mesma compañía, podemos deducir que a súa decisión foi moi meditada e atende a un razoable aforro de recursos, por considerar que o volume de usuarios que actualmente teñen os dispositivos de BlackBerry é residual, polo que non compensan o esforzo de manter aplicacións en tal plataforma.

PUBLICIDADE