Facebook traballa en mellorar o uso seguro das fotografías de perfil

xoves, 22 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Atendendo a reclamacións principalmente de usuarios da India, Facebook decidiu comezar alí a incorporar novas funcionalidades para ter un maior control sobre as fotografías de perfil da súa plataforma, que tras as probas pertinentes confían en aplicar ao resto do mundo. Estas novas prestacións buscan un maior control sobre quen pode descargar e compartir fotografías de perfil, por terse denunciado malos usos das mesmas.
Dende Facebook queren promover o uso de fotografías de perfil nas que poida identificarse claramente ás persoas, xa que é un elemento clave para establecer conexións nas redes sociais, pero moitas mulleres da India teñen moitos reparos sobre o que pode acontecer coa súa imaxe, o que levou ao establecemento de novos controis opcionais bastante interesantes. Así, os usuarios da India poderán optar por bloquear a posibilidade de descargar, compartir ou enviar a súa fotografía de perfil en Facebook; as persoas coas que non haxa relación de amizade en Facebook non poderán etiquetarse nas fotografías de perfil alleas; en dispositivos con Android poderanse bloquear as capturas de pantalla para facerse con copias das fotografías de perfil; e incluso amosarase un borde azul e un escudo ao redor das fotografías de perfil para destacar a protección da imaxe.
Dende Facebook tamén detectaron que cando as imaxes teñen capas de deseño adicionais cópianse un 75% menos, e por iso ofrecen a posibilidade de engadir patróns de marcas de auga as imaxes, o que resultará de grande utilidade para detectar cando unha imaxe fose copiada sen respectar a vontade da persoa que figura na mesma, facilitando o seu borrado posterior.

PUBLICIDADE