Facenda anuncia que seguirá simplificando con novas ferramentas a asistencia aos contribuíntes
venres, 11 de abril do 2025
A Xunta a través da Consellería de Facenda, anunciou que vai utilizar as novas tecnoloxías da información para “seguir simplificando a asistencia aos contribuíntes e para axilizar e personalizar os trámites coa Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA)”, que, segundo fixo saber o dito departamento da Administración autonómica, “mellorará os sistemas de información e axuda a través do web, a aplicación, a videoasistencia e a asistencia presencial”.
O Diario Oficial de Galicia (PDF) publica este venres 11 de abril as liñas xerais do Plan de control tributario do exercicio 2025, que reforza as liñas de actuación desenvolvidas pola ATRIGA desde a súa posta en marcha no ano 2013. O documento recolle a incorporación das novas tecnoloxías ao control tributario para “conseguir unha Administración que se achegue á cidadanía, facilitándolle o acceso á información e aos seus servizos, maior axilidade na tramitación e redución nos tempos de resposta, o que redundará na mellora da calidade e eficiencia do servizo ofrecido”.
Así, a nova web da ATRIGA terá novos contidos e desenvolveranse ferramentas e contidos específicos para o contribuínte, como asistentes virtuais. Ademais, publicarase o catálogo de servizos de asistencia, que permitirá aos cidadáns coñecer os servizos que ofrece a Axencia, así como as súas canles de acceso. Ao actual modelo de asistencia sumarase a atención a través de videoasistencia, pensado para as persoas con máis dificultade no manexo dos sistemas informáticos.
A maiores, o plan inclúe a posta en marcha dos traballos para o redeseño da Oficina Virtual Tributaria (OVT) e a súa simplificación para facilitar a presentación de trámites, amais dunha actualización dos programas de axuda e o deseño de novos formularios web máis comprensíbeis “que mellorarán a experiencia do usuario”, explicaron fontes da Consellería de Facenda, engadindo que os servizos dispoñíbeis a través da aplicación “iranse tamén incrementando e impulsarase a creación dun centro de atención integral ao contribuínte”.
O plan de control recolle a continuación da atención preferente a maiores de 65 anos, tanto por teléfono como por vía presencial. Ademais, á asistencia na confección da autoliquidación do imposto pola transmisión onerosa de medios de transporte usados (modelo 620), vaise engadir o mesmo servizo para facer a autoliquidación do Imposto de Transmisións e Actos Xurídicos Documentados (modelo 600).
A ATRIGA quere continuar tamén cos programas informativos que buscan o fomento da conciencia fiscal colectiva da cidadanía e que contempla charlas informativas dirixidas tanto a escolares como a universitarios, para incidir na educación tributaria dos máis novos, así como campañas de sensibilización contra o fraude fiscal dirixidas á poboación xeral.
Amais, quere diminuír a inseguridade xurídica e ampliar as canles de comunicación cos profesionais, compartindo os criterios de tributación con asesores fiscais e outros operadores xurídicos, así como coñecer os problemas que estes atopan na tributación de determinadas operacións ou no cumprimento das obrigas formais. Nesta liña, seguirá promovendo foros de intercambio de coñecemento como congresos, encontros ou xornadas.