Facultades, escolas e centros de investigación da UVigo celebran ao grande o 11F

mércores, 11 de febreiro do 2026 S. P.

No marco deste 11F, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, as facultades, escolas e centros de investigación da Universidade de Vigo celebraron unha manchea de actividades para “poñer en valor o papel das científicas e para fomentar as vocacións STEM entre as nenas”.
200 mozas e mozos de catro IES
A axenda de celebracións trouxo este mércores 11 ao Campus de Vigo máis de 200 mozas e mozos de 3º e 4º da ESO dos IES de Coruxo, Politécnico de Vigo, O Castro e Álvaro Cunqueiro que participaron nun completo programa de obradoiros organizados polas escolas de enxeñaría de Telecomunicación, Minas e Enerxía e Industriais; as facultades de Filoloxía e Tradución e Ciencias Xurídicas e do Traballo, así como polos centros de investigación CINBIO, CINTECX e CIM, co apoio da Unidade de Igualdade e da Unidade de Cultura Científica e da Innovación, en colaboración coa FECYT. Coa novidade da visita do alumnado masculino ás facultades máis feminizadas do campus, mentres as rapazas seguiron achegándose a ámbitos tradicionalmente máis masculinazados, o 11F comezou ás 9.30 da mañá coa chegada do alumnado ao campus vigués, onde permaneceron ata o mediodía.
Unha vintena de obradoiros por todo o campus
Baixo o paraugas de ElasFanCientec o CINBIO ofreceu ás súas visitantes nove obradoiros nos que persoal investigador do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina tivo ocasión de amosar o seu traballo nos ámbitos dos nanomateriais, filoxenómica, citometría ou biomediciña.
Pola súa banda, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación foi escenario da celebración de dous obradoiros: Detectives de imaxes, a cargo de Elena Rodríguez, no que as alumnas recibiron unha pequena introdución ao mundo da análise forense de imaxes para coñecer a detección de manipulacións e xerar as súas propias edicións; e Robótica con CuteBot, con Laura Pardo, no que as participantes achegáronse ao mundo da programación a través dos bloques de programación gráfica de CuteBot, un robot con placa micro:bit.
Na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía as participantes no ElasFanCientec afondaron na historia da ciencia no obradoiro EnerXIKAS con Raquel Pérez e Marta Pazo; tomaron parte nunha xincana sobre conceptos de combustión dirixida por Iria Feijoo e Silvia Gómez (The Science Games: Catching Fire) e na resolución dun quebracabezas relacionando un mineral do que se extrae un metal que logo se utiliza en aplicacións que se empregan no día a día.
Mentres, na Escola de Enxeñaría Industrial, as alumnas da ESO tiveron ocasión de entrevistar a mulleres da Escola que lles achegaron unha visión real da súa traxectoria, para logo recompilar esta información e expoñela ao resto de compañeiras.
Na Facultade de Filoloxía e Tradución desenvolvéronse cinco obradoiros sobre subtitulado audiovisual, fraseoloxía galega, ciencia aberta, música e letras e os acentos inglés, impartidos por Alberto Álvarez Lugrís, Verónica Pousada, Rocío Hernández, Susana Rodríguez Barcia e Claudia de la Iglesia.
Ao mesmo tempo, na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo o alumnado tivo ocasión de debater algúns supostos, así como coñecer as titulacións que se imparten e coñecer a experiencia profesional dalgúns titulados.
A maiores, no CINTECX integrouse por vez primeira o alumnado masculino de secundaria nunha actividade centrada na identificación de estereotipos e roles de xénero que condicionan a elección de estudos, promovendo a incorporación dos homes a titulacións con menor presenza. Ademais de neste obradoiro, organizado pola Unidade de Igualdade, o alumnado visitou a exposición Mulleres investigadoras CINTECX e participaron nunha actividade vinculada ao desenvolvemento do xogo de escapada científico Alerta Verde, que se está a desenvolver coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
A perspectiva de xénero nas tecnoloxías emerxentes foi a protagonista doutras actividades do 11F, como a mesa redonda organizada polo centro Ecobas sobre intelixencia artificial e igualdade na Facultade de Ciencias Económicas. Ademais, esta tarde, entre as 16.00 e as 21.00 h, o Instituto Universitario de Investigación Xustiza e Xénero (IXEX) organiza a proxección da película Justicia artificial na Facultade de Ciencias Xurídicas do campus de Vigo e na de Dereito do campus de Ourense, dentro do ciclo Cine e Xustiza 2026.
Premio Marie Tharp e mesa redonda no CIM
Pola súa banda, o Centro de Investigación Mariña (CIM) celebrou a cuarta edición do Premio Marie Tharp, unha iniciativa vinculada ao Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia que promove a visibilización das investigadoras mediante vídeos divulgativos dun minuto. No apartado competitivo, o xurado distinguiu a Cristina Fernández (PhystoFish) polo seu traballo sobre suplementos nutricionais para avanzar cara a unha acuicultura máis eficiente e sostible, mentres que a mención especial foi para Lizbet Gutiérrez (XB2), centrada no desenvolvemento de ferramentas intelixentes para mitigar a depredación do mexillón nas rías galegas.
A xornada incluíu a mesa redonda Retos e oportunidades para as mulleres na ciencia mariña, na que participaron as investigadoras Ana Ulla, Ayelén Blanco y Nerea Cazás, de distintas etapas profesionais e a directora da Unidade de Igualdade, Yolanda Rodríguez.
Máis actividades este xoves 12 e a vindeira semana
As actividades do 11F continuarán este xoves no Campus de Vigo co relatorio Innovación en igualdade, impulsada pola UCC+i, na sala 1 do Edificio Miralles ás 11.00 h. O relatorio, que poderá seguirse de forma presencial ou online a través de UVigo TV, será moderado pola técnica da Unidade de Igualdade da UVigo Mar Fernández Cendón, e nel participarán as investigadoras da UVigo Soledad Torres, Katia Rolán e Laura Sampedro. O encontro contará tamén coa introdución da vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, e coa participación en liña da divulgadora Marta Macho.
Pola súa banda, a gran feira divulgativa eXXperimenta en Feminino desenvolverase o 20 de febreiro, de 9.00 a 18.00 h no edificio Politécnico do Campus de Ourense. Aberta ao alumnado non universitario da provincia na quenda de mañá e ao público xeral na de tarde, a xornada ofrecerá múltiples postos experimentais sobre química, biotecnoloxía, programación, aeronáutica ou saúde, co obxectivo de achegar as disciplinas STEM á sociedade. Ademais, a divulgadora científica Deborah García Bello impartirá unha charla titulada Barbies e Robots, de acceso libre ata completar aforo.