FalaRedes e Galeatro levan a catro localidades a función que reivindica un bo uso das redes: Wombo Combo
xoves, 26 de setembro do 2024
O programa de dinamización do galego FalaRedes, impulsado pola Secretaría Xeral da Lingua que dirixe Valentín García, chega ao tempo do outono cunha pequena xira do espectáculo teatral Wombo Combo da compañía Galeatro, xira que fará parada en Muros (o 5 de outubro), Ribeira (o 9 de novembro), Viveiro (o día 10 de novembro) e Foz (o día 15 novembro).
Esta obra escrita por Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023, está dirixida á mocidade e ao público xeral a partir de 8 anos. Constitúe unha incisiva reflexión sobre as vidas virtuais, a adición ás tecnoloxías e a soidade na adolescencia e grazas elas podemos “contemplar como o bo ou mal uso das redes sociais, presentes na nosa vida cotiá, pode levarnos a un desenvolvemento persoal óptimo ou á frustración e ao illamento”. Tamén pon o foco en como os escenarios dixitais van gañando terreo nas nosas vidas en detrimento do presencial.
Calendario
05/10/2024. Muros. 19:00 h. Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil.
09/11/2024. Ribeira. 20:00 h. Auditorio municipal.
10/11/2024. Viveiro. 18:00 h. Teatro Pastor Díaz.
15/11/2024. Foz. 18:30 h. Salón de Actos da Casa da Cultura.
Máis sobre Wombo Combo
A función é unha peza para público infantil, xuvenil e familiar que nos conta a historia de Sara, unha rapaza que é vítima de acoso escolar, e da súa relación coa realidade virtual e das novas tecnoloxías. Sara, máis polo miúdo, non ten amigas nin amigos nin é brillante nos estudos. Para evadirse da crúa realidade xoga en liña con ducias de persoas e é imbatíbel nas loitas. Chegado un punto, descobre que pasa máis tempo na vida virtual ca na real.
Equipo artístico
Intérpretes: Alba Bermúdez, Mario Rodrígez, Tone Martínez
Espazo escénico e vestiario: Anahí Taraburelli e Yanina Torres
Espazo sonoro e músicas: Davide González e Martín Rodríguez
Deseño Iluminación: Nacho Martín
Deseño Imaxe: Andrea Ures
Dramaturxia: Paula Carballeira
Dirección: Davide González