Fallados os Premios Galicia das Telecomunicacións que concede o COETG-AETG

xoves, 16 de maio do 2019 Redacción

JPEG - 105.8 KB
Unha das edicións premios da Noite Galega das Telecomunicacións e dos seus galardóns

O xurado dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2019, convocados polo Colexio e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG e AETG), vén de dar a coñecer os nomes das persoas e entidades recoñecidas nest. Os galardóns, que serán entregados o vindeiro 24 de maio na Finca Montesqueiro de Oleiros, no decurso da XXIV Noite Galega das Telecomunicacións, irán dar este ano a Rafael Moya Fernández, ao CTAG, a Nova Pescanova e á aplicación Aperta. Con estas distincións, sinalan as entidades convocantes, enxálzase novamente o emprendemento, a investigación e as boas prácticas xeradas no ámbito TIC galego por parte de diferentes persoas e empresas.
Como dixemos, vanse entregar catro premios. O primeiro deles, o Premio Enxeñeiro do Ano 2019 recoñece a traxectoria de Rafael Moya Fernández un enxeñeiro de telecomunicación cunha dilatada e fecunda traxectoria profesional en Galicia. Moya leva máis de 23 anos vinculado a Telefónica e actualmente é o director de Operacións da Zona Norte desta compañía. O xurado tivo en conta para outorgar este premio “a contribución deste profesional ao progreso da profesión, ocupando diferentes postos de responsabilidade e a súa constante sintonía e proximidade con todos aqueles cos que traballou directamente”.
O Premio Socio de Honra, que recoñece a aqueles persoeiros ou entidades que salienten pola súa promoción das telecomunicacións na nosa Comunidade Autónoma, distingue o labor do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG). As xuntas directivas do COETG e a da AETG valoran como razóns determinantes da concesión deste premio “a contribución do CTAG ao desenvolvemento das TIC e a súa implicación no sector, a través dos proxectos de vangarda que desenvolve como é o caso do proxecto do vehículo autónomo”.
O Premio Axians 2019 á Empresa Galega que aposta polo desenvolvemento de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicación distingue o labor de Nueva Pescanova, “pola utilización das TIC na transformación do grupo para seguir sendo un referente a nivel mundial na captura, cultivo, produción e comercialización de produtos do mar en 80 países”, segundo a acta do xurado, que destaca tamén que o actual plan estratéxico da multinacional viguesa concibe “as TIC como panca de cambio en todos os seus procesos produtivos”.
O Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais impulsado pola axencia autonómica AMTEGA recae este ano no proxecto Aperta. Trátase dunha aplicación desenvolvida por un grupo de estudantes da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo cuxo obxectivo é axudar a combater o acoso (o bullying) nos centros educativos. O xurado valorou como razóns determinantes para outorgar esta distinción a vocación social dun proxecto que pretende facer fronte á violencia escolar, grazas ao deseño dunha aplicación sociométrica que consiste na automatización dos tests que actualmente se realizan nos colexios para comprobar o ambiente social existente nunha clase.
Finalmente, o quinto dos premios do colectivo de enxeñeiros de telecomunicación recollerá ao mellor expediente académico nesta disciplina e será entregado unha vez finalice o curso nun acto de seu.

PUBLICIDADE