Fallout 4 sae á venda

martes, 10 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Bethesda Game Studios sorprendeu en xuño anunciando que estaba a traballar en Fallout 4, xogo que non se anunciara anteriormente e que chegaría este mesmo ano, para entusiasmo dos seareiros deste grande estudio de videoxogos que creou grandes títulos como Fallout 3 e The Elder Scrolls V: Skyrim, e finalmente este novo xogo chega hoxe ás tendas, o que supón a estrea desta franquía nas consolas de nova xeración, o que supón un importante paso adiante nos xogos de mundo aberto.
Fallout 4 ponnos na pel do único supervivente do Refuxio 111 nun mundo destruído pola guerra nuclear, tendo que loitar pola súa supervivencia e tendo que asumir as consecuencias das decisións que vaia tomando na súa aventura par reconstruír o ermo e decidir o seu futuro.
O xogo pode mercarse para PC por 59,99 euros; mentres que por 67,99 euros podemos facernos coas versións para PlayStation 4 e Xbox One, destacando esta última polo feito de que os que merquen o xogo antes do 8 de febreiro de 2016 recibirán de balde o xogo Fallout 3 para Xbox 360, que é un dos xogos retrocompatibles con Xbox One. O xogo tamén pode adquirirse nunha edición de luxo que inclúe o pase de tempada (tamén á venda por separado) que facilita o aceso a contidos adicionais que irán chegando nos vindeiros meses, ampliando a experiencia dun dos xogos mellor recibidos pola crítica durante o presente ano.

Tráiler de lanzamento de Fallout 4

PUBLICIDADE