Fan balance da Plataforma Territorio Intelixente

martes, 17 de xuño do 2025 Redacción

O Consello da Xunta vén de coñecer un informe sobre a evolución da Plataforma Territorio Intelixente, unha ferramenta que integra datos xeográficos e información procedente de sensores para monitorizar o comportamento do territorio galego co obxectivo de mellorar a súa xestión e os servizos públicos.
A Plataforma integra datos procedentes dos sistemas de información xeográfica, da actividade das distintas consellarías e unidades da Xunta, dos sensores instalados no territorio, das imaxes captadas por satélites e dos vehículos aéreos non tripulados. Toda esta información é normalizada para que sexa compatible, interoperable, reutilizable, accesible, compartible e estruturable, segundo os estándares vixentes. Así, convértese nun recurso aproveitable para mellorar as políticas públicas e os servizos dispoñibles.
O modelo de territorio intelixente baséase no uso da tecnoloxía como ferramenta para afrontar problemas públicos, impulsar o desenvolvemento económico e mellorar a calidade de vida da cidadanía. A Plataforma desenvolvida pola Xunta recompila a información dispoñible sobre o territorio galego, organizándoa de maneira estruturable e aproveitable polos distintos órganos da Administración.
O uso de tecnoloxías como o big data, a intelixencia artificial, a aprendizaxe automática ou a internet das cousas permite dispor dunha cantidade cada vez maior de datos, cunha calidade superior e en tempo real. A Plataforma está concibida como un sistema integrable que combina compoñentes preexistentes con outros novos, deseñados para facilitar a integración masiva de datos e aproveitar as posibilidades das tecnoloxías actuais.
Actualmente, esta ferramenta proporciona servizos adaptables ás necesidades da Administración pública, como a creación e visualización de mapas, a edición directa de datos para tarefas de inspección ou actualización urbanística, a xeración de impresións en varios formatos e o uso de visores con funcionalidades orientadas á planificación de rutas e á xestión de emerxencias.
Tamén facilita a publicación e o consumo de servizos de información xeográfica, mediante a conversión dos datos a formatos normalizados, así como a súa exportación e difusión. A isto engádese a capacidade de procesar e analizar grandes volumes de datos a través de técnicas como a interpolación, a análise estatística ou a xeración de modelos preditivos. Isto fai posible actuar en zonas sen datos directos, detectar tendencias e patróns espaciais ou interpretar imaxes procedentes de satélites ou drons.
Entre os servizos da Xunta que xa empregan esta plataforma están o portal de MeteoGalicia, a xestión do medio rural, o sistema de prevención e extinción de incendios forestais e a administración do patrimonio cultural.
A Plataforma permite tamén aplicar procesos automáticos baseados en intelixencia artificial para emitir alertas e respostas ante variacións nos datos, sexan de sensores instalados en infraestruturas como edificios, pontes ou redes de comunicación e subministración. Tamén posibilita a organización e uso de información procedente da rede galega da internet das cousas (iCousas), como datos sobre calidade do aire, ruído ambiental, consumo enerxético ou mobilidade, en contextos que requiren resposta inmediata.