Fegatur renova a súa web, facéndoa máis atractiva e accesible

martes, 4 de agosto do 2009 Raquel Noya

Potenciar o turismo rural galego é, entre outros, un dos obxectivos principais que persegue o novo portal da Federación Galega de Turismo Rural, Fegatur, o cal foi presentado esta mesma mañá en Santiago de Compostela.
Mais de 300 casas de turismo de Galicia contan, dende hoxe, cunha nova ferramenta máis accesible e atractiva coa que poder darse a coñecer entre os potenciais clientes que navegan pola Rede á procura dun entorno no que perderse estas vacacións. Dende a páxina web www.ecoturismogalicia.com, o turismo galego potenciará a reserva de prazas tanto de cara aos turistas do país como aos españois e aos extranxeiros, un capítulo este último que quere ser potenciado polas doce asociacións integradas en Fegatur.
O novo recurso dispoñible na Rede baséase no coñecido como xeodestinos, divide o país en zonas turisticas con obxectivos semellantes e busca tamén desestacionalizar aos visitantes ata agora centrados nas súas estadías en épocas e días concretos.
Cun deseño intuitivo e de doado acceso e consulta, a páxina de Fegatur centra o seu obxectivo na difusión das casas rurais e na reserva das mesmas.
O sitio foi presentado no Centro Superior de Hostalaería de Galicia, por María Sol Lorenzo Alvarez, presidenta de Fegatur, Carmen Pita Urgoiti, directora xerente de Trugalicia e Manuel Pan Collaz , presidente da Asociación de Profesionais Turísticos da Costa da Morte e xerente da empresa Abertal Networks, encargada da realización da páxina.

PUBLICIDADE