Feijóo e Freixanes destacan as contribucións do portal Galicia Nomeada

luns, 19 de xullo do 2021 S. P.

Os presidentes do Goberno galego e da RAG, Alberto Núñez Feijóo e Víctor Freixanes, avaliaron este 19 de xullo as liñas de colaboración para “seguir traballando a prol da lingua e a súa difusión”. Durante a xuntanza mantida, ambos coincidiron “na necesidade de seguir fomentando o uso do galego entre a xuventude e nas empresas” e puxeron en valor o traballo que que está a levar a cabo a Real Academia Galega no eido da toponimia, a través do portal Galicia Nomeada, que conta xa con máis de 2.200 colaboradores e máis de 28.700 topónimos.
Por certo que Galicia Nomeada é a comunidade en liña dos nosos topónimos impulsada pola axencia AMTEGA e a RAG, posta en marcha en decembro de 2019.
O presidente do Executivo autonómico salientou que neste 2021 a RAG recibirá “o maior financiamento procedente da Xunta nos últimos anos, chegando aos máis de 670.000 euros”.
Outro dos asuntos tratados que se abordou na reunión foi o acordo do pleno da Real Academia Galega de homenaxear no Día das Letras Galegas 2022 ao poeta, articulista e editor literario Florencio Delgado Gurriarán. Segundo Feijóo, a Xunta sumarase a esta celebración “activamente”, co obxectivo de recoñecer as contribucións deste valdeorrés á nosa cultura, primeiro en Galicia e despois desde o exilio en México.

PUBLICIDADE