Feliz 2018!

venres, 29 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Un ano máis chega á súa fin, e nós queremos aproveitar a ocasión para amosar a nosa satisfacción por poder ter dado conta da actualidade tecnolóxica de Galicia e o mundo aos nosos fieis lectores, recollendo os temas que consideramos que fosen de interese e axudando de paso a fornecer os contidos dispoñibles na nosa lingua na Rede.
Vivimos un ano de grandes cambios, no que o sector da telefonía móbil continúa a avanzar cara ao futuro 5G; o iPhone perdeu o seu característico botón de inicio; Nintendo demostrou que os móbiles, tabletas e ordenadores non mataron ás consolas de videoxogos; Twitter dixo adeus á súa limitación dos 140 caracteres; o mundo aprendeu polas malas os perigos do ransomware; e incluso puidemos comprobar como o público aplaudiu a chegada oficial ao noso mercado dun fabricante chinés (Xiaomi) constatando que certos sectores da electrónica de consumo son extraordinariamente dinámicos, de xeito que novos axentes poden ocupar o espazo de compañías con décadas de historia.
Moitos son os retos a superar o ano que vén, e moitos os cambios que viviremos, e dende Código Cero queremos acompañar un ano máis aos nosos lectores nesa viaxe cara adiante, que desexamos que sexa enriquecedora e satisfactoria para todos. Así pois, só nos queda desexar a todos unha feliz entrada de ano e un próspero 2018.

PUBLICIDADE