Feliz 2019!

luns, 31 de decembro do 2018 Redacción

Un ano máis chega á súa fin, e nós queremos aproveitar a ocasión para amosar a nosa satisfacción por poder ter dado conta da actualidade tecnolóxica de Galicia e o mundo aos nosos fieis lectores, recollendo os temas que consideramos que fosen de interese e axudando de paso a fornecer os contidos dispoñibles na nosa lingua na Rede.
Vivimos un ano de grandes cambios, no que o sector das telecomunicacións continúa a avanzar cara ao futuro 5G e a fibra óptica xeralizada nos fogares; as redes sociais experimentaron o forte impacto das historias á vez que Instagram lanzou novidades case todas as semanas para manter a atención dos seus usuarios; os smartphones empeñáronse en adoptar deseños todo pantalla emulando a pestana superior do iPhone X (normalmente dun xeito pouco afortunado) para rematar o ano mudando de rumbo cara a deseños máis frescos; moitos videoxogos víronse eclipsados polo fenómeno de Fortnite; as malas novas ao redor de Facebook fíxonos ser máis conscientes do coidado que temos que ter cos nosos datos persoais; e chegaron a España os altofalantes conectados baseados en asistentes de voz que prometen un uso da tecnoloxía máis natural no noso día a día.
Moitos son os retos a superar o ano que vén, e moitos os cambios que viviremos, e dende Código Cero queremos acompañar un ano máis aos nosos lectores nesa viaxe cara adiante, que desexamos que sexa enriquecedora e satisfactoria para todos. Así pois, só nos queda desexar a todos unha feliz entrada de ano e un próspero 2019.

PUBLICIDADE