Feliz 2025!
martes, 31 de decembro do 2024
Un ano máis chega á súa fin, confirmando o dinamismo do sector tecnolóxico que non cesou de achegar novidades no panorama internacional e tamén no ámbito local. Na nosa terra puidemos ver como se asentaban promesas como a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial ou o Coruña Estudio Inmersivo, que pretenden facerse notar no ano que entra, mentres que se asentan as bases para que o CESGA conte cunhas novas instalacións que axudarán a que manteñamos o pulo no ámbito da supercomputación.
Durante o ano que nos deixa tamén puidemos ver como X evidenciou a súa degradación, favorecendo a potenciación de Threads e Bluesky, destacando esta última plataforma por estar localizada ao galego grazas ao traballo de activistas dixitais, o que pode lembrarnos tamén ao Proxecto Nós, que busca que a nosa lingua non quede marxinada na actual revolución da IA.
Pola nosa banda queremos seguir dando conta de toda esta evolución tecnolóxica en chave galega e desexamos aos nosos lectores unha boa entrada de ano e un venturoso 2025.