Femxa anuncia que vai contratar 200 persoas ao longo de 2014
martes, 7 de xaneiro do 2014

- Patricia García, presidenta do Grupo Femxa
O Grupo
Femxa, do que falamos
recentemente para dar conta do seu traballo a prol da formación TIC
dos traballadores do mar, comeza ano dando boas novas. E tanto
que son boas, xa que anuncia que vai contratar 200 persoas ao longo
de 2014 para reforzar o seu papel de empresa referente a nivel
estatal no eido da formación laboral baseada en novos recursos e
tecnoloxías. A empresa, de raizame galega (ten sede principal en
Vigo), duplicará deste xeito o número de novas incorporacións
levadas a cabo durante o ano pasado. Polo tanto, pasará de ter 320
persoas na súa equipa ao peche de 2013 a contar con máis de
cincocentos traballadores. Asemade, sinálanos a súa presidenta, a
galega Patricia García, cómpre ter en conta que a compañía xera a
día de hoxe ata douscentos empregos indirectos en empresas
provedoras e máis de 500 postos anuais de persoal docente.
Esta política de Femxa
semella especialmente salientable se temos en conta que van a
contrapelo da tendencia xeral en España, tendencia que se resume en
máis paro e máis xente nova que ten que liscar fóra. Cara a dar
traballo aos profesionais novos, precisamente, é cara a onde se
dirixe esta estratexia, que xorde de colaboracións co Servizo
Público de Emprego Estatal e a Xunta de Galicia. De feito, para
Femxa é fundamental este traballo conxunto entre empresas e
administracións para pór freo á falta de expectativas laborais,
que se están a cebar de xeito especial cos menores de trinta anos.
Polo que respecta ao tipo
de traballos que se van ofrecer dende Femxa ao longo de 2014, dicir
que oitenta e dous dos novos traballadores participarán no
desenvolvemento de actividades internas de execución dos proxectos
de formación contratados para este ano (que darán cobertura a máis
de 25.000 alumnos). O resto, 118, dedicaranse ao desenvolvemento de
novos contidos dixitais para reforzar a aposta pola aprendizaxe a
distancia de Femxa como ferramenta formativa. “Estamos a realizar
un investimento de máis de 2 millóns de euros co obxectivo de
situarnos como empresa líder no fornecemento de formación oficial
en liña”, engade García. Por certo que este ano a compañía
mellorou os seus resultados respecto ao período anterior, “cun
volume de negocio xestionado de 28 millóns de euros, participando en
proxectos de formación en España e Latinoamérica nos que se
implicaron máis de 20.000 alumnos”.
