Femxa desenvolve un videoxogo emulador para a formación dos mariñeiros en situacións de risco

mércores, 22 de maio do 2013 Redacción

Amais de pola posta en marcha dunha web de formación específica para directivos, o grupo galego Femxa está estes días de actualidade por mor do lanzamento dun videoxogo-simulador encamiñado a evitar situacións laborais de risco no mar. Máis polo miúdo, estamos ante unha aplicación que é quen de emular, con tecnoloxía 3D, o día a día dos traballadores dun buque, centrándose en emprazar ao usuario ante acontecementos posíbeis coma un incendio ou unha caída ao mar. A achega de Femxa (Simulador 3D de vida a bordo para formación en Prevención de Riscos Laborais), reproduce as situacións cotiás dun barco arrastreiro conxelador, para axudar a identificar perigos e actuar da maneira correcta, no caso de que se produzan catástrofes no seu seo.
O proxecto xorde como unha iniciativa da Federación de Transportes, Comunicacións e Mar da Unión Xeral de Traballadores (TCM-UXT), a Federación de Servizos á Cidadanía de Comisións Obreiras (FSC-CC.OO.), a Asociación Nacional de Armadores de Buques de Pescas Varias (ANAVAR) e a Asociación Nacional de Armadores de Buques de Pesca de Pescada (ANAMER) e foi financiado pola Fundación para a Prevención de Riscos Laborais. Segundo explica Femxa, “esta colaboración entre diferentes entidades resultou fundamental para elaborar un produto completo que permita formar a todo o persoal implicado, directa ou indirectamente, no sector pesqueiro, desde os traballadores dos buques até armadores, formadores en prevención de riscos laborais, membros de entidades sindicais ou empresarios”.
Máis en detalle, o resultado deste traballo levado a cabo polo grupo galego é unha aplicación informática coa que poderemos habitar virtualmente unha embarcación das devanditas características, artellándose a nosa visita en base ás diferentes situacións de risco ás que seremos sometidos. A contorna virtual froito deste proxecto diríxese a deixar pegada no visitante. É dicir, a mellorar a aprendizaxe e a asegurar unha reacción axeitada no caso de que o acontecemento de risco en alta mar pase a ser real. O programa introduce de xeito aleatorio determinados retos que cumprirá superar, asociados ao proceso produtivo en que se atope a embarcación (embarque, pesca, manexo de carga, etc.). En palabras de Femxa, “trátase dunha ferramenta que esixe a participación activa por parte do usuario, o que lle permite adestrarse na identificación dos diversos riscos, tanto en exteriores (peirao e cuberta) como en interiores (parque de pesca, entreponte, adega, sala de máquinas)”.