Femxa logra un novo recoñecemento á súa transformación e sustentabilidade: o selo EFQM 600

luns, 3 de febreiro do 2025 S. P.

O grupo galego Femxa, referente estatal na formación a través dos novos formatos e canles, obtivo nestes comezos de 2025 un novo importante recoñecemento á súa excelencia. En concreto, logrou o prestixioso selo EFQM 600, unha distinción que avala o seu compromiso coa innovación e a sustentabilidade na xestión empresarial. A súa presidenta institucional, Patricia García, e o CEO de Femxa, José Álvarez Dafonte, recolleron o diploma que certifica este fito, nunha gala celebrada na sede da Fundación Onde de Madrid.
O Modelo EFQM trátase dun estándar internacional que avalía a capacidade das organizacións para alcanzar resultados sobresaíntes e sostíbeis. Para Femxa, a obtención do selo marca “un fito significativo nos seus máis de 25 anos de traxectoria”. Patricia García sinalou que “traballar con este modelo axúdanos a transformarnos e a comprender que o labor en equipo e multidisciplinar é clave para construír o noso presente e futuro. Este selo recoñece o que facemos e reforza a nosa responsabilidade coa sustentabilidade e a innovación”.
A avaliación que conduciu a este recoñecemento subliñou os avances significativos implantados por Femxa en áreas como a dixitalización de procesos, mellorando a eficiencia operativa, ou na posta en marcha de políticas orientadas ao benestar e desenvolvemento profesional do persoal. “Estas iniciativas non só transforman a organización internamente, senón que tamén enriquecen a experiencia de quen confía nas súas solucións formativas para o seu crecemento persoal e profesional”, sinalaron os responsábeis do grupo, engadindo que o selo EFQM 600 “destaca o impacto positivo de Femxa na sociedade”, adaptando as súas estratexias aos desafíos actuais e aliñándose cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS) do Pacto Mundial da ONU.