Femxa participa nun proxecto europeo que apodera á mocidade a través da innovación dixital
xoves, 29 de agosto do 2024
O proxecto europeo Inkey presentou unha innovadora proposta para abordar o desafío dos mozos que nin estudan nin traballan. A través do desenvolvemento de ferramentas dixitais interactivas e comunidades de práctica online, Inkey busca motivar e capacitar a estes mozos coas habilidades necesarias para alcanzar o seu potencial e construír o seu suturo.
Segundo explica o grupo galego Femxa, participante no desenvolvemento de Inkey, este baséase na premisa de que a aprendizaxe pode ser divertida e efectiva: “Mediante a integración de elementos de xogo, dinámicas interactivas e mecánicas de gamificación, o proxecto crea experiencias de aprendizaxe atractivas e personalizadas que fomentan a participación activa dos mozos, ofrecendo ás novas xeracións programas motivadores e estimulantes para adquirir as competencias mediante o desenvolvemento de ferramentas dixitais atractivas”.
Patricia García, presidenta institucional de Femxa, sinala que “estamos orgullosos de participar neste ambicioso proxecto europeo con tan bos resultados, en colaboración cun consorcio de expertos de diferentes países, e contribuír ao desenvolvemento persoal e social desta mocidade, esencial para xerar resiliencia e habilidades para desafiarse positivamente a un mundo que está en constante cambio”.
Durante o desenvolvemento do proxecto, máis de 30 mozas e mozos participaron nunha sesión piloto da metodoloxía Inkey. Acompañados por un formador, gozaron dunha xornada na que realizaron unha saída ao campo e durante a mesma realizaron actividades de formación recollidas nesta metodoloxía. Ademais, tiveron a oportunidade de ser os primeiros alumnos e alumnas en testear a plataforma deseñada, e así, continuar a súa formación de forma gratuíta unha vez finalizada a xornada.
Actualmente, as ferramentas deseñadas no marco deste proxecto contan con acceso gratuíto para as persoas interesadas a través da web da ferramenta de avaliación de competencias, da plataforma de formación en habilidades brandas e da metodoloxía para traballadores xuvenís e formadores.