Femxa recibe o selo de empresa solidaria

mércores, 2 de agosto do 2023 S. P.

A empresa galega Femxa, referente en formación online, recibiu o selo Empresa Solidaria tras a súa adhesión á X Solidaria das empresas, coa que destina o 0,7% da súa liquidación do Imposto de Sociedades a iniciativas solidarias.
Desta maneira, Femxa e todas as súas entidades, súmanse a este movemento que, segundo salienta o grupo, “abre unha vía de apoio no financiamento de proxectos con fins sociais”. Esta adhesión está aliñada co Plan de RSC da compañía e co seu modelo empresarial, que responde “á convicción de promover iniciativas de desenvolvemento que acheguen valor económico e social á cidadanía”.
Con este xesto, explican fontes do grupo, “quixemos converternos nunha empresa con impacto que, a través dos seus impostos, reverte os seus beneficios na sociedade para lograr unha mellor calidade de vida das persoas e contribuír á necesidade de acelerar o investimento para alcanzar a Axenda 2030 de Nacións Unidas e a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel (ODS)”. Concretamente con esta iniciativa Femxa incide na erradicación da pobreza (ODS 1), a redución das desigualdades (ODS 10), a contribución á igualdade de xénero (ODS 5), a creación de emprego de calidade (ODS 8), o investimento en prosperidade, paz e sustentabilidade (ODS 16) e a cooperación entre diferentes actores sociais para alcanzar o resto das metas expostas por Nacións Unidas (ODS 17).

PUBLICIDADE