Fene acolleu a entrega dos galardóns do Festival de Podcast de Galicia

luns, 24 de novembro do 2025 S. P.

Foto de Xan Xe publicada en Radiofusion.gal

Os días pasados desenvolveuse en Fene, no Pote de Maniños, o Festival de Podcast de Galicia, que celebrou os contidos sonoros dixitais na nosa lingua durante venres 21 e o sábado 22 de novembro. Participaron figuras punteiras da nosa comunicación como Nacho Gallego, director de contidos de Estación Podcast, ou Xurxo Souto, escritor e produtor musical, impulsor da mítica banda coruñesa Os Diplomáticos de Monte Alto.
Tamén, os responsables de canles de comunicación referentes como Exército Mekemeke, Recuncho Gamer, Onda Piruchela, Orgullo Galego, Galiportus e Vellas Novas.
A cita, que veu da man de as Emisoras Municipais Galegas (EMUGA) coa colaboración da Deputación da Coruña, incluíu unha entrega de premios ás mellores contribucións galegas ao universo podcast.
Entre os proxectos que obtiveron distinción atopábase Universo nosso de Bricarmos, que recibiu o premio do I Festival de Podcast de Galicia, e tamén Estrelados na Estratosfera (mellor guión), Fóra do mapa (mellor produción), Antropop (mellor deseño sonoro), Galiportus de Germán Estévez (mellor host), A caixa de Nostromo (mellor podcast conversacional), Baixo a luz durmida (mellor podcast de ficción sonora), Orgullo galego (mellor podcast narrativo de non ficción), Exército Mekemeke (mellor podcast de humor), As Womanplainers (podcast máis orixinal), Pechadas no baño (mellor podcast feito por mulleres), Estrelados na Estratosfera (mellor podcast por votación popular), Baixo a luz durmida de Antón Cortizas (mellor voz masculina), Baixo a luz durmida de Divina Arnoso (mellor voz feminina), Cristais de Meraki (mellor identidade visual) e Radio Redondela (premio á traxectoria).
Entregaron os galardóns, a alcaldesa de Fene Sandra Permui, Cristina García da Deputación da Coruña e o vicepresidente de EMUGA Pablo García.