Fenosa aposta de novo pola Rede para promover as súas mensaxes de eficacia enerxética

luns, 22 de decembro do 2008 Fernando Sarasketa

A Asociación de Internautas e Unión Fenosa veñen de unir forzas a prol do emprego responsable da enerxía entre os usuarios das ferramentas dixitais. O acordo, que foi dado a coñecer hoxe mesmo en Madrid, abrangue unha serie de accións futuras encamiñadas a evitar, na medida do posible, o estragamento de enerxía no ámbito dos fogares e dos seus accesos á era dixital e das telecomunicacións. A iniciativa, na que tamén participan a Asociación Pro Dereitos Civís e Económicos (ADECES), a Unión de Consumidores (UC) e a Unión Nacional de Consumidores e Amas de Fogar de España (UNAE), representa en boa maneira un reforzamento das políticas que a empresa enerxética está a levar a cabo en materia de loita contra o cambio climático.
O convenio, que entre outras cousas albisca a realización de guías e estudos sobre eficacia enerxética, apoia unha boa parte da súa teoría e práctica no emprego da Internet: tanto como canle de difusión primordial dos obxectivos como eido mesmo de actuación da campaña. Dito doutro xeito: o acceso á Rede, amais de apoio á campaña, é un dos grandes motivos da súa posta en marcha, sobre todo para evitar a perda de recursos vinculados a ela.
Esta colaboración coa Internet comezará a reflectirse o vindeiro luns, coa posta en marcha dun xogo en liña de Unión Fenosa dirixido a concienciar sobre a importancia de consumir eficazmente. A iniciativa, chamada Efiquest, recoñecerá con premios a aqueles usuarios que teñan máis e mellores coñecementos en materia de optimización do gasto enerxético.
Os participantes, asemade, terán á súa disposición ferramentas de creación de grupos de amigos ou empresas para pór en marcha retos que posibiliten a obtención dun meirande número de puntos. Segundo informou a compañía, a razón de ser do xogo non é so informativa e divulgativa senón tamén de acción no sentido máis estrito do termo. De feito, por cada participante que se inscriba, Fenosa comprométese a doar un euro ao proxecto de conservación da Selva Atlántica de Brasil. Asemade, por cada blogueiro que colabore no certame, a empresa achegará cinco euros. Sinalar a maiores que a iniciativa é unha continuación doutra proposta previa, Bosquevirtual.com, unha web participativa posta en marcha (ao igual que Efiquest) coa organización sen arela de lucro Accionatura.
O obxectivo de unha e outra: compensar as emisións de CO2 con aquilo que lle é contrario: o osíxeno achegado pola masa vexetal.

PUBLICIDADE