Fernando Suárez, membro do comité técnico do cuarto Congreso Cidades Intelixentes

luns, 22 de xaneiro do 2018 Redacción

O director de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Fernando Suárez, de cuxa recalada na entidade provincial falamos os días pasados dende Código Cero, vén de ser designado membro do comité técnico do IV Congreso Cidades Intelixentes. Trátase, segundo informa a Deputación, dun referencial cumio sobre tecnoloxías smart aplicadas á vida pública das cidades, abranguendo (e impulsando) cuestións de relevancia tal como a transparencia, o goberno aberto, a Administración Electrónica, a sustentabilidade, a eficiencia na xestión ou a participación cidadá. O cumio celebrarase o mes de maio en Madrid.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, felicitou a Fernando Suárez por esta designación (en calidade de vicepresidente do Consello Xeral de Colexios de Enxeñería en Informática), para formar parte do comité técnico do congreso, integrado por representantes de alto nivel da Administración Pública, colectivos profesionais e as institucións máis representativas no ámbito das Cidades Intelixentes en España.
O congreso terá lugar os días 30 e 31 de maio no Espazo La N@ve de Madrid. Trátase, segundo engade a Deputación “dun encontro que potencia o intercambio do coñecemento e experiencias sobre as cidades intelixentes coa tecnoloxía e a innovación como ferramentas base do seu desenvolvemento”. Esta cuarta edición, baixo o lema Da cidade ao Territorio Intelixente: unha evolución necesaria, abrangue temáticas como a innovación social e a participación cidadá; os destinos turísticos intelixentes; os núcleos e territorios rurais intelixentes; a economía baseada no coñecemento, a información a gran escala (Big Data) e a xestión intelixente.

PUBLICIDADE