Fernando Suárez, presidente do CPEIG, recibe unha distinción en Barcelona

xoves, 3 de abril do 2025 S. P.

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e tamén presidente do Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería Informática (CCII), o ferrolán Fernando Suárez Lorenzo, recolleu un importante recoñecemento na 30ª Noite das Telecomunicacións e a Informática, unha gala organizada polo Col·legi Oficial d’Enginyeria Informàtica de Catalunya (COEINF) e a Associació Catalana d’Enginyeria de Telecomunicació i Tecnologies Digitals no Auditorio de Barcelona para premiar aos mellores profesionais e proxectos do sector TIC.
A distinción foi outorgada pola xunta de goberno do COEINF que recoñece así o seu “xeneroso e valioso labor” en defensa e recoñecemento da profesión da Enxeñería Informática. Desde diversas posicións no sector público, Suárez traballou para impulsar a transparencia e a innovación da administración a través de plans estratéxicos de transformación dixital. En canto ao desenvolvemento da profesión, liderou a elaboración do código ético da profesión a nivel estatal, a creación da comisión de xénero ou o selo do CCII para empresas éticas, así como proxectos para garantir o uso seguro das TIC en colectivos vulnerables.