Fernando Suárez, presidente dos Colexios Profesionais de Enxeñaría en Informática de España
luns, 2 de outubro do 2023
O Consello Xeral de Colexios
Profesionais de Enxeñaría en Informática de España vén
de anunciar quen será o presidente do CCII durante os próximos
catro anos, trátase do galego Fernando Suárez, quen salientou nas
eleccións á xunta de goberno do Consello Xeral dos ditos Colexios.
Así, logo da asemblea extraordinaria celebrada o sábado 30 de
setembro na sede da Real Academia de Enxeñaría, a candidatura de
Suárez impúxose por unha ampla maioría.
Suárez, natural de Ferrol, é licenciado en Informática pola
Universidade da Coruña e foi o presidente do CCII durante os últimos
catro anos. Con anterioridade fora o vicepresidente. Tamén ocupa o
cargo de director da área de Transparencia e Goberno Aberto da
Deputación de Ourense. Asemade, é o actual presidente do Colexio
Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.
Na candidatura, acompañando a Fernando Suárez, atópanse
representantes do groso dos Colexios Autonómicos: Juan Pablo
Peñarrubia (COIICV) continuará como vicepresidente primeiro,
mentres que Karina Gibert (COEINF) será a vicepresidenta segunda.
José García Fanjul (COIIPA) repite como secretario; Ambrosio
Rodríguez (COIICLM) será vicesecretario e Jacinto Canles (CPIICyL)
será o tesoureiro. Como vogais, nesta Xunta de Goberno, atópanse:
Ignacio Lasheras (CPIIR),Eugenio Picón (CPIICM), Álvaro do Álamo
(COIICAN), Virginio García (CPIIRM), JuanArrúe (COIIE) e Alejandro
Blasco (COIICV). Os vogais suplentes serán Irene Cid (COIIPA),
Francisco Javier Rodríguez (CPEIG), Nuria Castell (COEINF), Juan
Turmo (CPIIAR), Juana Perea (COEIB) e Juan Jambrina (CPIICyL).
Suárez subliña como grandes logros acadados ao longo do últimos
catro anos de mandato: “a creación dos Premios Nacionais de
Enxeñaría Informática, a creación dunha comisión bilateral coa
Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial
para avanzar na regulación da profesión ou ser unha voz cada vez
máis presente e autorizada en medios de comunicación en materia de
tecnoloxía”.
Outro dos puntos fortes foi a presenza nas institucións e os acordos
con distintas organizacións. “Despois de moitos anos de
reivindicacións e traballo, fomos capaces de ter unha praza no
Consello Asesor de Transformación Dixital da SEDIA, e que tamén
seremos claves na futura Axencia Europea de Supervisión da
Intelixencia Artificial. Logramos acordos coa AEPD, INCIBE, UNE... moitas organizacións que potencian o valor da profesión e a
capacidade dos nosos profesionais”, expón Suárez.
De cara a este novos catro anos á fronte do CCII, desde a nova Xunta
de Goberno buscarase a creación do Consello de decanos-presidentes,
o impulso da figura de “colaborador nacional da Xunta de Goberno
CCII” ou o mantemento e reforzo das áreas de traballo en distintos
ámbitos como a regulación, as relacións institucionais ou a ética
profesional.
No caso galego, un dos grandes retos é “contar con presenza
feminina con Karina Gibert como vicepresidenta e con mulleres como
Juana Perea -presidenta do Grupo de Mulleres en Enxeñaría
Informática-, Nuria Castell ou Irene Cid”.