Fernando Suárez seguirá catro anos máis á fronte do CPEIG
luns, 20 de novembro do 2023
O
Colexio Profesional de
Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de presentar a
súa nova xunta de goberno: unha xunta de goberno de continuidade
logo que no proceso electoral fose presentada unha soa candidatura, a
encabezada polo actual presidente da entidade, Fernando Suárez,
finalmente electa.
A xunta de goberno para o período 2023-2027, que
se constituíu esta fin de semana nun acto celebrado no Hotel OCA
Puerta del Camino de Santiago, está formada polo seguinte equipo:
Presidente:
Fernando Suárez Lorenzo
Vicepresidenta:
Susana Ladra González
Secretario:
Juan José González Cid
Vicesecretario:
Roberto Vieito Raña
Tesoureiro:
Francisco Javier Rodríguez Martínez
Vicetesoureira:
Lorena Otero Cerdeira
Vogal
1: Benigno Rosón Calvo
Vogal
2: María Pilar Vila Avendaño
Vogal
3: José Manuel Vázquez Naya
Vogal
4: Iván Luis Vázquez
“A
clave é que estou rodeado de xente máis boa que eu, e conformamos
un grupo unido que traballa para defender os intereses dos colexiados
e colexiadas. Recibimos mensaxes de compañeiros para continuar co
traballo realizado nos últimos catro anos e, xa ao rexistrarse esta
única candidatura electoral, chegáronnos tamén felicitacións por
esta nova etapa que agora iniciamos”, comentou Fernando Suárez
trala súa reelección.
O
presidente explicou que “tendo como estandarte a vocación de
servizo ao corpo colexial, o CPEIG persegue o obxectivo, en Galicia
e a través do Consejo de Colegios de Ingeniería Informática, de
situar á profesión nun lugar destacado”. Ademais, Fernando Suárez
asegurou que o CPEIG actuará como un axente activo a nivel social,
difundindo valores en defensa da profesión á cidadanía, ás
administracións públicas, á universidade e ás empresas. “É moi
emocionante vivir nestes momentos unha profesión que está cambiando
o mundo e que é un facilitador en moitos ámbitos da vida, polo que
é fundamental intentar que a sociedade non teña medo á informática
e ensinarlle a utilizar as súas ferramentas de forma segura e
consciente”, afirmou, engadindo que a función da nova xunta de
goberno para os vindeiros catro anos será “continuar traballando
na regulación profesional, dado o crecente impacto da actividade da
Enxeñaría en Informática na sociedade actual”.
Amais,
sinalou que outras liñas do equipo serán seguir colaborando coas
administracións públicas para a modernización da xestión
administrativa, como acontece coa organización anual do Curso
Superior de Administración Electrónica coa Axencia para
Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Escola Galega de
Administración Pública; soster a colaboración co sector privado
para o progreso e dixitalización de produtos e procesos; incentivar
a colaboración coas universidades na adaptación e actualización
dos plans de estudo, segundo a demanda actual do mercado laboral en
materia das TIC; fomentar as vocacións tecnolóxicas entre os máis
novos, en especial entre as rapazas, organizando obradoiros
formativos como os que forman parte do programa TechKids posto en
marcha coa Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia, ou as
diversas xornadas que se programan con motivo do Día das Rapazas nas
TIC; ademais de recoñecer o traballo dos enxeñeiros informáticos
coa celebración da Noite da Enxeñaría en Informática, a gala que
anualmente organiza o CPEIG. “Un dos nosos retos é alcanzar a
inclusión dos máis pequenos, as mulleres e as persoas maiores no
eido da informática” –asegurou o presidente–.