Ferrán Adrià mostra as claves da innovación ante o alumnado da UVigo
luns, 22 de abril do 2024
O prestixioso chef Ferran Adrià estivo este luns 22 de abril no Campus de Vigo con motivo da xornada Imaxinémonos sen límites, convocada pola Rede de Cátedras de Telefónica con motivo do centenario da operadora de telecomunicacións (este mes de abril). O cociñeiro catalán, embaixador de Telefónica dende 2010, compartiu con alumnado e profesorado a súa metodoloxía Sapiens. A cita foi na Facultade de Económicas e Empresariais.
Adrià, referencia mundial da alta cociña, estivo acompañado polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o director Territorial Norte de Telefónica, Manuel Ángel Alonso; o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; e o catedrático da Universidade de Vigo e director da Cátedra Telefónica do campus vigués, José Cidrás.
Durante a súa intervención, Adrià compartiu cos alumnos a súa metodoloxía Sapiens, unha técnica centrada en conectar diversas respostas para comprender mellor e fomentar a innovación, captar a atención dos presentes e impulsar a importancia da innovación no ámbito académico. Segundo fixo saber, “cando conectas todas as posíbeis respostas, podes empezar a comprender; se comprendes, innovarás mellor e poderás actuar con éxito˝.
Trala primeira parte do programa de actividades, Adriá reuniuse con estudantes no Salón de Graos da dita facultade para darlles a coñecer o Challenge elBulli1846, desafío abeirado á Xira Centenario Telefónica para estimular e difundir a metodoloxía Sapiens na comunidade universitaria, e que se pode aplicar en Traballos Fin de Grao, Traballos Fin de Máster e, tamén, en proxectos innovadores. Os alumnos puxéronse a proba afrontando este reto e os gañadores recibirán como premio unha estadía de dous días en Cala Montjoi cun programa exclusivo de actividades xunto a Ferran Adrià e o equipo de elBulliFoundation.
A Rede de Cátedras Telefónica nace en 2001 como instrumento de formación, investigación e transferencia de coñecemento para o impulso das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) na nosa sociedade, e todo iso desde unha óptica multidisciplinar. Esta alianza universidade-empresa estableceuse con 25 universidades españolas de referencia. Na Universidade de Vigo, Telefónica constituíu a súa cátedra homónima hai xa once anos co obxectivo de promover a aplicación das novas ferramentas no ámbito do ensino universitario, a investigación e a innovación. Dirixida polo catedrático José Cidrás, desenvolveu obradoiros e conferencias de interese para o alumnado (talleres) de Arduino, xornadas de Cidades e Enerxía Intelixentes, seminarios sobre a plataforma MiríadaX e os MOOCs, etc) e participou, entre outros, no Foro Tecnolóxico de Emprego, o congreso Smart Cities and Communities ou no encontro Hack for Good.