Ferrol acollerá unha xornada dedicada aos videoxogos aplicados e persuasivos

luns, 9 de maio do 2022 Redacción

A Capela do Centro Torrente Ballester acolle, este venres 13 de maio, a partires das 9:30 horas, a xornada Power Up Videoxogos Aplicados e Persuasivos que organiza o Campus Industrial de Ferrol en colaboración coa coordinación do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos e co Concello de Ferrol. A xornada preséntase como unha oportunidade única para coñecer máis polo miúdo a industria dos videoxogos así como os valores positivos que pode aportar esta forma de entretemento.
Ao longo da mañá, achegarase ata a cidade departamental o director xeral da Asociación Española de Videoxogos (AEVI), José María Moreno, quen presentará o proxecto The Good Gamer, unha iniciativa global de contidos onde reivindicar os valores do videoxogo e as medidas de responsabilidade impulsadas pola industria. O programa da xornada inclúe tamén a conferencia do CEO e director creativo de Tequila Works, Raúl Rubio, quen afondará na súa experiencia e traballo en títulos persuasivos como RiME ou GYLT. O talento galego estará representado pola antiga alumna do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos e Game Designer en Xaloc Studios, Carla Bolaños, e máis polo guionista en Baroque Decay, Henrique Lage.
Xa pola tarde, o Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, acollerá, a partires das 17:00 horas, a presentación dos proxectos desenvolvidos polo alumnado do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos durante os dous últimos anos. Irene Centelles, Juan e Sergio García, Virginia Perrone, Alicia Puentes, Diego Pérez e Daniel Río presentarán Avy, fábulas da noite, un videoxogo de plataformas, quebracabezas e aventuras no que o xogador ou xogadora se achega a un mundo de xoguete onde non todo é o que parece. Pola súa banda, Abraham Rial, Mónica García, Pedro Peteiro, Manuel Silva, Yixuan Yu, Alba Paz e Iván Fernández, presentarán LastWay, un videoxogo de acción e plataformas en scroll lateral no que se nos amosa un futuro distópico no que o protagonista, Jax, trata de sobrevivir coa axuda dun dron e do seu brazo cibernético.

PUBLICIDADE