Ferrol renova a súa páxina web municipal

luns, 22 de maio do 2017 Redacción

O Concello de Ferrol estrea hoxe nova faciana en liña cunha páxina web feita no Concello, desde o Concello e para todos os veciños do Concello desde o Centro de Recursos Informáticos (CRI), con recursos propios e o traballo dos funcionarios da Administración Local, e coidando que tamén poida verse de xeito óptimo en dispositivos móbiles.
Complétase así un traballo iniciado hai meses para dar pé a unha web completamente renovada no estético e no contido, cun deseño mais visual e atractivo, moderno, manexable e accesible.
Esta nova ferramenta activa e aberta para favorecer a relación entre a Administración Local e os veciños está dispoñible a través do enderezo www.ferrol.gal e colle o relevo do espazo en liña anterior que os responsables da súa renovación consideran que «bastante farrogosa e cuadriculada».
A nova páxina web aspira a ser unha ferramenta moderna, áxil e activa, máis transparente na procura de contidos, máis práctica nas procuras e nos contidos, cos enderezos actualizados. Nos distintos apartados os cidadáns poden acceder a Axenda oficial, as novas de actualidade, ver a situación do tráfico, reservar espazos deportivos, mercar entradas para os espectáculos culturais, ler o Taboleiro de Anuncios, consultar o Portal de Emprego, o Perfil do Contratante, o Portal de Transparencia, e facer os trámites na Sede Electrónica.

PUBLICIDADE