Ferrol respalda a creación de contido en galego a través do programa Youtubeiras+

venres, 26 de setembro do 2025 S. P.

O Concello de Ferrol súmase un ano máis ao programa de dinamización lingüística Youtubeiras+, organizado polos servizos de normalización lingüística de 10 concellos, entre eles o do Concello de Ferrol, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña.
Esta iniciativa ten como obxectivo “fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos, ademais de promover e visibilizar os diferentes perfís de creadores de contidos na rede”.
No que é a novena edición destes premios poderán participar persoas maiores de 16 anos que teñan canles autoproducidas nas redes sociais en activo e accesibles durante o certame. Aqueles menores de idade que desexen participar, deberán aportar a autorización dunha persoa titora legal mediante o documento que se facilita na web de Youtubeiras+. As inscricións faranse en dita web e o formulario estará activo ata as 23:59 horas do 16 de novembro de 2025.
En canto aos premios, repartiranse 7.500 euros entre as diferentes categorías existentes.