Ferrol saca do armario o seu rico catálogo de videoclips

xoves, 11 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Quen queira ver anacos do mellor que ten dado de si a confluencia entre audiovisual e música no noroeste da nosa terra, vai ter unha oportunidade de ouro para facelo en Ferrol (co Ateneo Ferrolán como centro de actividades), grazas á terceira mostra de Videoclips a Esgalla e máis no Facebook do certame. O festival, organizado polo Concello (Concellería de Cultura) busca, literalmente, “sacar do armario todo o escaparate audiovisual e musical desta comarca” para dixitalizalo, tratalo e poñelo a disposición da comunidade de seareiros.
Parte dos resultados mostraranse (a partir de hoxe) in situ no festival, nas redes e tamén a través dunha escolma de vídeos en formato DVD que se presenta hoxe, precisamente. O resultado: “Un auténtico catálogo histórico dos traballos feitos desde 1991 ate o 2018 no audiovisual na comarca de Ferrolterra”.
O concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, e Carlos Alberto Alonso, principal impulsor da mostra, detallaron onte todo o programa desta terceira edición, para a que se remitiron un total de 103 traballos, unha cifra que case duplica os 58 da primeira mostra do ano 2016. “Hai traballos de profesionais pero tamén de afeccionados que nos deixaron absolutamente abraiados e desde vídeos de Los Alcántara e Irene Caruncho, ate os que remite Alarido Mongóligo desde Londres”, manifestou Alonso, que se mostrou convencido á hora de afirmar que “Ferrolterra é unha superpotencia musical”. Para máis información sobre o certame e o seu programa de actividades, cómpre visitar o Facebook do festival, onde se irá dando conta das actividades, tanto das que se dirixen a rescatar obras mestra do esquecemento como tamén das que se encamiñan a crear en colectividade novos traballos para as xeracións vindeiras. Asemade, lanzouse un vídeo específico sobre a nova edición do evento.
As accións arrincan hoxe ás 20:30 no Ateneo Ferrolán, coa presentación do DVD Videoclips a Esgalla 2018, e coa inauguración da mostra fotográfica Ferrol & Rock en Foco (11 de outubro - 30 de novembro) a cargo de Edu Pereira na sala 2 de exposicións.

PUBLICIDADE