FesTalent reúne este xoves no Campus de Ferrol a 50 firmas, entidades e asociacións

luns, 27 de outubro do 2025 S. P.

A terceira edición da Feira de Empresas e Talento FesTalent, promovida no marco do programa ImpúlsaT da Universidade da Coruña (UDC), reúne, este xoves 30 de outubro, de 10:00 a 14:00 horas e de 15.00 a 18.30 horas, a 50 firmas, entidades e asociacións de distintos puntos de Galicia e de España no Pavillón Municipal de Esteiro da man, un ano máis, do Campus Industrial de Ferrol, en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e do Concello de Ferrol, por medio da Concellaría de Promoción Económica e Emprego.
Trátase, segundo informou a UDC, dunha iniciativa que pretende darlle visibilidade ás empresas e tecer pontes de contacto co alumnado universitario que está a buscar a súa primeira oportunidades laboral.
Participan nesta edición, Abance Ingeniería, Accenture, Acebrón Group, ALUMAN, Antea Group España y Latinoamérica, Applus+, Armada, CT Ingenieros, Detegasa, Elecnor, El Pulpo, FINSA, Fridama, Ghenova Ingeniería, Cándido Hermida, Grupo Gabadi, Grupo INTAF, Grupo JRILO, INVALL, INYCOM, Leroy Merlin, Nauterra (Grupo Calvo), Navantia S.A, Norvento Enerxía, PwC, Quest Global, Reganosa, Techno Pro Hispania Ekium, Tecnicas de Soft, S.A., VOLTAN (MMYPEM e TEIGA-TMI), TTalent, Qatro, Genesal Energy, ElectroRayma, Ibercisa, WindWaves e Gauzón Ibérica.
Tamén terán stand propio, o Colexio Oficial de Ingenieros Industriales de Galicia (ICOIIG), o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña (COETICOR), o Colegio Oficial de Ingenieros Navales y Oceánicos (COIN), a Asociación Clúster Naval Gallego (ACLUNAGA), a Asociación de Industrial do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME), a Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER), a Asociación de Empresarios Novos de Ferrol, Eume e Ortegal (AJE Ferrolterra), a entidade da Fundación ONCE Inserta Empleo, o programa Xuventude Mentoring e o Servizo de Emprego da Universidade da Coruña (UDC).
A maiores, o público asistente, principalmente estudantado universitario e de ciclos de FP, poderá participar nos denominados Speed Job Dating, unha serie de encontros, de non máis de 15 minutos de duración, entre as empresas e as persoas candidatas buscando un match laboral en tempo récord. Con todo, as ofertas de prácticas e de traballo que ofertan as empresas participantes na feira estarán dispoñibles na plataforma do evento.
Como peche o Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle, ás 18.30 horas, a clase maxistral Constrúe hoxe o mañá que queres impartida polo director executivo (CEO) e fundador de Productividad Feroz, Miguel Navarro. Ao longo da sesión, o mentor, formador e empresarios afondará en como acertar e de como diferenciarte nun mercado onde moitas persoas compiten e poucas destacan.
Todas aquelas persoas interesadas en participar na feira terán que inscribirse previamente en liña. Unha vez realizado o rexistro recibirán un correo electrónico de confirmación cun código QR co que poderán acceder ao Pavillón Municipal de Esteiro. O evento está dirixido a alumnado universitario, de ciclos de Formación Profesional e ao público xeral interesado.