Festo mostra o potencial da Intelixencia Artificial Aplicada na edición virtual das xornadas JAI

martes, 27 de outubro do 2020 S. P.

Xavier Segura, general manager de Festo

Comezaron as Digital JAI 2020, a edición virtual (anti-COVID) das históricas Xornadas de Automatización Industrial impulsadas polo profesor Ignacio Armesto da Universidade de Vigo, e as empresas punteiras da Industria 4.0 e das tecnoloxías industriais intelixentes están a aproveitar a cita para dar a coñecer os seus novos achados e produtos, como por exemplo a barcelonesa Festo, que foi, e segue a ser, un referente en Intelixencia Artificial no marco das ditas xornadas galegas.
Segundo nos contan os responsábeis da empresa, que conta con caseta virtual nas JAI, as xornadas da UVigo confirmáronse novamente, mesmo dende o ámbito virtual, como “un dos eventos máis importantes do seu ámbito no panorama peninsular”.
Festo contribuíu entre outras cousas coa conferencia AI on Edge and how the automated industry can benefit from it, na que Lea Bayer, responsábel de vendas e estratexia de mercado da compañía, falou hoxe sobre Intelixencia Artificial e a súa aplicación na industria da enerxía e manufactureira.
Como novidade, o programa deste ano inclúe catro mesas redondas sobre diversos temas de actualidade no sector, como a dixitalización industrial, a robótica na Industria 4.0 ou a ciberseguridade industrial, entre outros temas. Xavier Segura, general manager de Festo en España e Portugal, participará na mesa titulada Automatización e Robótica na Industria 4.0. Xunto a representantes doutras empresas como Universal Robots, Eurecat e Robotplus debaterán sobre a planta dixital e os novos usos da robótica. A cita será o mércores, 28 de outubro, de 18.25 a 19.10.
Con estas intervencións, Festo quere contribuír, xunto ao resto de empresas participantes, “a achegar a súa experiencia e profesionalidade nestas xornadas, orientadas a todos aqueles asistentes de España e Iberoamérica que queren manterse ao día e renovar os seus coñecementos nas disciplinas de enxeñaría, e tamén coñecer de primeira man as tecnoloxías, solucións e tendencias máis modernas no ámbito da automatización e enxeñaría de procesos industriais”.

PUBLICIDADE