FiDELYS, o smartwatch con recoñecemento de iris

venres, 4 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Os smartwatches pretenden converterse en produtos de moda, e aínda que xa existen bastantes modelos no mercado cunha presenza bastante modesta, as compañías detrás destes dispositivos non queren botarse a un lado pese á incorporación neste ámbito de fabricantes como Motorola, LG e Samsung, e optan pola innovación, como fai Iritech co seu FiDELYS smartwatch, que estes días vai buscan financiamento a través de Indiegogo e que destacará por incluír seguridade baseada en biometría (concretamente nos ollos) para o que integrará unha cámara que recoñecerá o iris do usuario, para que sexa posible desbloquear axilmente o reloxo sen a incomodidade de ter que introducir un contrasinal.
Este reloxo de pulso conectarase ao smartphone a través de Bluetooth de baixa enerxía para poder acceder a funcións como chamadas de voz, mensaxes de texto, GPS, transferencia de datos, pagamentos móbiles, bloqueo de aplicacións... contará tamén con NFC (para realizar pagamentos sen contacto, usos sociais ou sistemas de control de acceso), pode cargarse sen fíos (mediante indución), pode comunicarse con monitores cardíacos e podómetros e, en contraste con outros dispositivos semellantes, pretende ser compatible con Android, Linux, Windows e iOS.
Para chegar a producirse o reloxo precisa xuntar 350.000 dólares, tendo pautados numerosos obxectivos en función da cantidade acumulada na súa campaña de micromecenado (até un máximo de 1 millóns de dólares) prevendo a entrada en produción do dispositivo a partires de abril de 2015. O seu prezo a través de Indiegogo será de 250 dólares (183,90 euros), o que será unha rebaixa duns 50 dólares con respecto ao que podería custar o produto final unha vez que se converta nun dispositivo comercial.


Vídeo de presentación do FiDELYS smartwatch