Fibritel, patrocinador oficial do Balonmán Cangas Frigoríficos do Morrazo

venres, 1 de agosto do 2025 S. P.

A operadora galega Fibritel, provedor líder en solucións de telecomunicacións centrado sobre todo n levar a conexión de alta velocidade ás zonas rurais, anunciou a súa incorporación como patrocinador oficial do Balonmán Cangas Frigoríficos do Morrazo, un dos equipos históricos da liga Plenitude ASOBAL.
O acordo, asinado este xoves 31 de xullo na tenda de Fibritel recentemente inaugurada en Cangas do Morrazo, reforza “o compromiso” da compañía co deporte galego e o tecido social e empresarial da comarca.
Como parte do patrocinio, o logotipo de Fibritel lucirá no pantalón dos xogadores do primeiro equipo durante as dúas próximas tempadas, ademais de ter unha presenza destacada nos soportes físicos e dixitais do pavillón O Gatañal e participar noutras accións co Club.
Fibritel convértese así no primeiro operador de telecomunicacións en patrocinar ao equipo, reforzando a súa implicación activa na comunidade galega. Con vontade de ter unha presenza cada vez maior en toda Galicia, a compañía aposta “por impulsar proxectos de proximidade que xeren un impacto social e empresarial positivos”.
As fórmulas de colaboración con Fibritel abranguen promocións exclusivas e actos institucionais. Os socios do Club que contraten a fibra óptica de alta velocidade de Fibritel -que se pode completar con outros servizos como telefonía móbil-, gozarán dun desconto directo de 50 euros no seu abono.
Fibritel tamén participará en diversos actos institucionais do Club para socios e seareiros (como sorteos, concursos e experiencias) co fin de promocionar o deporte, dar a coñecer a súa implicación coa contorna local e impulsar a inclusión dixital na comunidade galega. O primeiro acto será a presentación oficial dunha das novas fichaxes do primeiro equipo, aberto a todos os afeccionados, que terá lugar na nova tenda Fibritel de Cangas.
“É unha honra contar cunha empresa como Fibritel como patrocinadora oficial, xa que compartimos valores como o esforzo, o arraigamento e a proximidade coa comunidade. Este acordo axudaranos non só afrontar novos retos deportivos con ilusión e estabilidade, senón tamén a promover beneficios directos aos nosos socios e os clientes de Fibritel”, apuntou Alberto González, presidente do Club Balonmán Cangas.
“Para Fibritel, apoiar ao Balonmán Cangas é moito máis que unha aposta polo deporte: constitúe un compromiso con Galicia, os seus cidadáns e as súas empresas. Queremos que esta alianza co Club sexa tamén unha forma de reforzar o noso vínculo co territorio, impulsando accións que xeren valor na comunidade e fomenten o acceso equitativo ás oportunidades que ofrece a era dixital”, destacou Ignacio Martín, director executivo (CEO) de Fibritel.
Martín engadiu que “un dos piares estratéxicos de Fibritel” é a súa presenza activa en zonas rurais, “onde logramos despregar redes de fibra óptica en localidades que durante anos ficaron á marxe da transformación dixital”.
Con investimentos directos en Galicia, Castela-A Mancha, Castela-León e Estremadura, Fibritel conectou a máis de 1,5 millóns de fogares en áreas onde antes só se podía acceder a conexións lentas ou intermitentes, explicou.