Ficción Producións amosa a súa aposta tecnolóxica para gravar produtos audiovisuais sobre fondos virtuais
martes, 19 de xuño do 2012
O grupo galego Ficción
Producións vén de amosarnos en todo detalle o seu traballo de
innovación audiovisual no eido da realización, un traballo que, a
xuízo dos responsábeis da empresa, vaille permitir competir no
ámbito internacional con todo tipo de alardes técnicos. Máis polo
miúdo, a aposta tecnolóxica de Ficción baséase en facer posíbel
a gravación/filmación de calquera produto sobre fondos virtuais. Os
equipos que van facilitar esta liña de traballo, adquiridos en boa
medida grazas á axuda da Consellería de Economía, porán á nosa
terra na vangarda do emprego destas novas tecnoloxías, informa a
empresa.
Estes sistemas foron dados a coñecer
en detalle este luns na sede de Ficción Producións, presentación
na que fixeron acto de presenza a directora da TVG Rosa Vilas, o
director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Juan Carlos
Fasero, ou a directora de Área de Crecemento e Valorización da
Axencia Galega de Innovación, Pilar Morgade. Os encargados de
debullar o alcance desta iniciativa de innovación foron o director
xeral e a directora xerente de Ficción Producións, Julio Casal e
Mamen Quintas (respectivamente), que explicaron que o miolo daquela é
un sistema de captura de movemento en tempo real por cámaras de
infravermellos de última xeración, que permite ao mesmo tempo a
realización (tamén en tempo real, sinalaron) de traballos
audiovisuais sobre fondos virtuais mediante unha cámara Optitrack,
compatíbel coa captura de movementos, e o Triscaster. Este último,
engadiron, posibilita o control da realización sobre os devanditos
fondos.
Polo que
respecta á captura de movemento, explicaron que se trata do proceso
de detección da actividade dos actores/actrices e o posterior
traslado desta a un modelo dixital, ou sexa, a un computador, onde se
gardan as accións dos actores/actrices para animar logo modelos
dixitais co software Motion Builder. Con este programa, explicaron,
“será posible integrar estes movementos cos seus personaxes en
escenarios concretos; e coa cámara Insight VCSPro de Optitrack,
Ficción poderase facer ao mesmo tempo a captura de movementos de
cámara asignándoos en tempo real a unha cámara do contorno virtual
xunto co escenario e os personaxes, dotándoo de maior realismo á
escena”.
Este control
de realización portátil pode traballar en tempo real con oito
sinais de vídeo externas e 4 internas (HD/SD). Ademais, explicaron
Julio Casal e Mamen Quintas, “o sistema ofrece unha amplísima
gama de printers na tituladora integrada, que o converten nunha
ferramenta inmellorable para a realización, personalización e
gravación en directo de programas de TV, concursos, informativos,
eventos deportivos, etc…”
Primeiro produto multiplataforma
No
transcurso da presentación, Julio e Mamen tamén achegaron un
adianto de vindeiros lanzamentos e proxectos, como por exemplo o seu
primeiro produto multiplataforma, que se vai subministrar en breve
baixo a marca
TUTÚ, composto por un pack de 5
xogos educativos con cadanseus 3 niveis, que vai destinado sobre todo
ao público de preescolar para Iphone e Android, plataformas
portátiles Ipad e Samsung e pantallas táctiles educativas, “cuxa
homologación nas devanditas plataformas foron xa superadas
satisfactoriamente”, puntualizaron.