Filtran as especificacións dun novo móbil de Samsung con dobre SIM

luns, 30 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Aínda que a meirande parte dos terminais móbiles con soporte de varias tarxetas SIM simultáneas tenden a ser de gama baixa, algúns fabricantes como Samsung parecen non querer marxinar os usuarios que demandan este tipo de teléfonos, e veñen de publicar imaxes e especificacións do que podería ser o Samsung Galaxy S DUOS (S7562), que avanzaría considerablemente fronte aos actuais móbiles do fabricante surcoreano con dobre SIM, e situaríase nun rango de terminais bastante atractivo.
O Samsung Galaxy S DUOS chegaría nos vindeiros días cun procesador de dobre núcleo a 1 GHz, 512 Mb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria microSD de ata 32 Gb), pantallas capacitiva de 4 polgadas cunha resolución de 480 x 800 píxeles (característica na que se desmarca dos seus predecesores da familia DUOS), cámara traseira de 5 Mpíxeles con enfoque automático e flash LED, cámara frontal VGA, Wi-Fi N, Bluetooth 3.0, micro USB 2.0, radio FM, A-GPS, batería de 1.500 mAh, unhas medidas de 121,5 x 63,1 x 10,5 milímetros, un peso de 120 gramos e, o máis importante de todo, sistema operativo Android 4.0. Temos así un terminal que aínda que quede nunha gama media, está moi por diante do que estamos afeitos a ver en dispositivos con soporte de dobre SIM.

PUBLICIDADE